luns, 14 de maio de 2018

Ola, ola la!


Sánchez, Gloria (2011), Mamá Cabra Ola, Ola, La! Ilust. Kirstina Sabaite. Vigo: Editorial Galaxia, col. Sonárbore, [28pp.]. (ISBN: 978-84-9865-307-6).

Breve descrición do formato e contido: Mamá Cabra Ola, ola, la! é moito máis que un libro xa que inclúe un CD de música para cantar xunto co grupo musical Mamá Cabra ademais dun DVD-Karaoke. O libro é de formato rectangular (24x21 cm.). Posúe unha cuberta e contracuberta de cartón duro para favorecer a manipulación por parte dos nenos e nenas. A cuberta fainos intuír como serán as ilustracións que atoparemos ao longo de todo o volume. Trátase de imaxes moi vistosas, incluso semellan estar debuxadas por rapaces e rapazas, convidan a deterse minutos observando cada un dos elementos presentes. Así mesmo, as imaxes reforzan e clarifican o que se narra no texto, facilitando a interpretación do conto. 
Este conto relata a historia de Mamacabra e as súas cinco cabritas, que marcharon vivir á cidade. Pouco a pouco as cabritas van marchando ata que Mamacabra fica soa. É entón cando dedica ir a buscar as súas cinco cabritas. Atopa á primeira no mar, á segunda no monte, á terceira en París, á cuarta navegando... pero ningunha volve á casa así que Mamacabra triste e sen ánimo afastouse da cidade. En cada unha das secuencias da historia atopamos unha canción relacionada co texto presente. 

Potencialidades educativas: en canto as potencialidades da obra podemos destacar: 
  • A forma rimada das cancións que facilita á memorización e permite traballar a conciencia fonolóxica. 
  • Vocabulario relacionado coa música, cos alimentos, coas partes do corpo, coas cores, coas formas, coas nocións espaciais, cos animais e plantas e tamén diversas accións. 
  • Traballa os números ata o 5, tanto cardinais como ordinais. 
  • Aborda o tema dunha alimentación saudable. 
  • Podemos traballar o tema das emocións, facendo fincapé na tristeza, presente de forma explícita practicamente durante todo o libro. 
  • Traballar o baile, o canto, os xestos e a imitación a partir de diversas cancións do libro.
Recursos de interese:
  • CEIP Plurilingüe "Anxo da Garda" (2013). Canción "As mans" con pictogramas. https://www.youtube.com/watch?v=xMpK_mlQxUs (Recuperado o 30 de abril de 2018).
  • Mamá Cabra (2011). Ola, Ola, la! https://vimeo.com/22996145 (Recuperado o 30 de abril de 2018).
  • Sonárbore (2015). Canción "Eu son un artista " https://soundcloud.com/sonarbore/eu-son-un-artista (Recuperado o 30 de abril de 2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario