mércores, 9 de maio de 2018

O lobo e a lúa




17 Best images about Literatura na Biblio on Pinterest ...

Bayer, Andrea (2015). O lobo e a lúa. Ilust. Chus Ferrín. A Coruña: Baia Edicións, col. Barriga Verde,[40 pp.]. (ISBN: 978-84-9995-159-1). Obra gañadora do XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (infantil) 2014.

Breve descrición do formato e do contido: obra teatral de tapas duras cunha dimensión de 23x15 cm. Unha noite no Prado Azul descubriremos a historia dun pequeno lobo que precisa falar con urxencia coa lúa, así que fará todo o posible para espertala. Contará coa axuda dos animais que habitan no prado: o rato Mariano, o elefante Duarte e Nina a tartaruga. O antagonista é Miñao, un gato rabudo ao que tentarán non espertar polo medo que lle teñen.A cuberta amosa unha ilustración facilmente recoñecible como obra de Chus Ferrín: fondo azul dividido en sección de diferentes tonalidades e unha lúa que abraza a un lobo pequeniño formando unha esfera. O azul será o fondo constante no resto das ilustracións, facendo referencia ao Prado Azul no que se desenvolve a historia. As cores son moi vivas e tamén se ve a técnica do collage máis alá do óleo ou acuarela.
En relación ao contido atopamos diálogos sinxelos e diversas onomatopeias, ademais de acotacións que aportan información relevante do escenario, das accións e sentimentos das personaxes, das súas voces...

Potencialidades educativas: esta obra teatral transmite tenrura a esgalla no medio dunha trama de suspense que manterá en vilo aos máis pequenos e pequenas. Transmitirlle o interese pola lectura, narrativa, lírica ou dramática é esencial nos primeiros anos de idade e con este libro pode conseguirse fácilmente. Temas como a amizade, a superación dos medos e dos terrores nocturnos, a loita e a constancia para conseguir aquilo que queremos, o traballo cooperativo, a convivencia coas diferencias ou a desmitificación de personaxes tradicionais e estereotipos poden traballarse con este libro en diferentes idades. Ademais dunha lectura tradicional, este libro está pensado para representar. A técnica para facelo está ao voso gusto: sombras, monicreques... sendo os nenos e nenas protagonistas ou espectadores, trocando papeis, etc. As posibilidades deste libro son infinitas e as súas ensinanzas tamén.

Recursos:

Representación da obra usando a técnica do teatro de sombras.
Información sobre a dramatización da obra pola compañía Baobab Teatro
Información sobre a obra na web Baia Edicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario