mércores, 9 de maio de 2018

Julia tiene una estrella


I Gasulia, Eduard José. (2006). Julia tiene una estrella. Ilust. Valentí Gubianas. Barcelona: La Galera. [36 pp.]. (ISBN: 978-84-246-2335-5).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado, de tipo narrativo, de tapa dura escrito en lingua castelá. Na cuberta podemos observar a imaxe dunha nena (Julia) que está mirando cara o ceo, máis concretamente cara unha estrela. Esta imaxe está situada no lado dereito, polo que o título e o nome do autor e o do ilustrador atópanse á altura dos ollos da nena, quedando xusto debaixo da estrela. Na contracuberta atopamos un pequeno resume situado no centro e sobre un fondo de cor laranxa, que contrasta notablemente co azul oscuro da cuberta, reflexando así a noite e o día. As gardas, tanto iniciais como finais, soamente constan dun fondo azul e laranxa, respectivamemte. O libro pódese dividir segundo as súas ilustracións, pois ao principio todas están sobre un fondo laranxa, de novo representando o día ou a luz, ata que chega o momento en que a nai se vai. A partir de aí, o fondo vólvese azul, o que representa a noite e a tristeza polo feito de que a nai se vaia.
A historia comeza presentándonos á protagonista e aos seus dous amigos, Pablo e Cristina, decíndonos que o que máis queren eles dous son a súa armónica e a súa cadela, respectivamente. No seu caso, Julia o que máis quere é unha estrela, unha de verdade do ceo, pero non llo pode contar a ningúen. Isto débese a que un día, súa nai, que estaba moi enferma, lle dixo que tiña que marchar porque se ía a traballar a unha estrela do ceo, pero que era un segredo. De feito, tampouco podía falalo con seu pai polo menos ata que cumprise seis anos e medio. Finalmente, chegou o día en que a nai se foi e entón Julia recordou o que esta lle dixera, que se miraba pola fiestra da súa habitación cara a esquerda podería ver unha estrela que billa máis que as outras, aí estaría ela.

Potencialidades: este libro é un conmovedor acercamento do tema da morte dende a literatura para os máis pequenos. É un bo recurso para tratar o tema da morte porque emprega unha linguaxe poética e ademais en ningún momento chega a mencionar explicitamente o tráxico abandono da vida, polo que os nenos poden interpretalo e velo dende a perspectiva que eles consideren. Finalmente, dicir que este libro tamén é un bo recurso para tratar a morte porque lles ensina aos nenos que se un familiar ou un amigo se vai, este nunca desaparecerá se nós o recordamos e o temos presente.

Recursos:

Ningún comentario:

Publicar un comentario