domingo, 6 de maio de 2018

Amigos



Foreman, Michael (2012), Amigos, trad. Rafa Salgueiro, Ilust. do autor. Madrid: Lata de Sal Editorial, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-940584-4-8). 

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado cun formato rectangular (24 cm x 28cm). A cuberta e contracuberta é de cartón duro o que favorece a manipulación e experimentación por parte dos nenos e nenas. A cuberta amosa aos dous personaxes principais do conto. O autor utilizou a técnica da acuarela para ilustrar o libro. 
A historia trata sobre Tex e Burbulla, un gato e un peixe de cores que son amigos. Tex pode andar dun lado ao outro, pero Burbulla... non pode saír do seu acuario. Tex séntese triste polo seu amigo, quere que sexa libre coma el. Un día ocorréuselle unha idea, usar un caldeiro para que Burbulla saltase nel e así poder ensinarlle os distintos lugares aos que Tex vai. Xuntos van ao parque, ao río, ao mar... Burbulla está marabillado así que cando chegan ao mar Tex dille que se lance e que vaia ao seu xeito como fai el, pero Burbulla nega coa cabeza, sorrí e dille que vaian para a casa porque a pesar de ser libre nunca atoparía un amigo coma Tex. Así que agora Tex e Burbulla van os dous xuntos a todos os sitios xa que teñen todo un mundo por ver. 

Potencialidades educativas: este libro sérvenos para que os nenos e nenas sintan curiosidade por coñecer máis sobre os animais domésticos, neste caso sobre os gatos ou os peixes. É unha interesante historia para traballar o valor da amizade cos nenos/as, facerlles ver que dous animais tan diferentes a priori, poden ser perfectamente amigos, e iso aplicalo ao contexto escolar. A empatía tamén está presente neste libro, xa que Tex ponse no lugar do seu amigo Burbulla e por ese motivo o quere levar a ver mundo igual ca el, podemos ver se os nenos/as se poñen no lugar dos outros habitualmente en distintas situacións e facer un pequeno debate. Outro tema que podemos traballar cos cativos/as é o dos lugares mencionados no libro, podemos ampliar o seu vocabulario, ver que outros elementos podemos atopar en cada un deses lugares, as cores que hai en cada un deses contextos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario