luns, 7 de maio de 2018

A xoaniña rosmona




Carle, Eric (2005). A xoaniña rosmona Trad. Chema Heras e Pilar Martínez. Pontevedra: Kalandraka Editora/ Kókinos, [24 pp.]. (ISBN 84 - 8464 - 558 - 4).

Breve descrición do formato e contido da obra: neste álbum ilustrado dunha historia orixinal de Eric Carle destaca a súa maquetación, con páxinas de diferentes dimensións, máis grandes canto máis avanzan as horas do día, e a estrutura circular que se emprega: a mesma acción inicia e finaliza a historia. Na cuberta do libro aparece a personaxe protagonista do conto, unha xoaniña, sobre un fondo verde, o que nos anuncia que o contexto en que se vai desenvolver a narración vai a ser a natureza. Na contra-cuberta o que atopamos é unha síntese das ensinanzas que o autor busca que nenos e nenas acaden con este relato, entre as que me gustaría destacar a aprendizaxe das formas de cortesía e o feito de aprender a compartir. As gardas tamén se empregan con esta mesma finalidade de suscitar a curiosidade do lector.
No interior do álbum descubrimos un tratamento especial das imaxes moi propio de Carle, que se basea en papeis pintados a man. A variación das cores de fondo, que pasan de ser claras a escuras, dan conta do avance da xornada, información que se recalca co reloxo analóxico que aparece na parte superior de cada páxina. O hábitat dos animais cos que a xoaniña entaboa un acto comunicativo reflíctese co uso das cores que se lles atribúen comunmente á terra, mar e aire: un ton alaranxado ou marrón, o verde e o azul, respectivamente. En canto ao texto, o uso continuado de repeticións e rimas ofrece unha maior interacción para co público máis novo.

Potencialidades educativas: a utilidade deste libro para o tratamento das emocións, especialmente das descoñecidas para o público infantil como neste caso é a falta de seguridade nun mesmo, escondida baixo a capa da vaidade, e o aparente exceso de confianza é moi recomendable. A miúdo, o que lles sucede a nenos e nenas que levan á práctica estas actitudes de egoísmo, prepotencia e despotismo que se plasman no conto, é que non son capaces de recoñecer a súa carencia de auto-estima e, polo tanto, tentan solventar esa necesidade de afecto para consigo mesmos tratando con aires de superioridade e de maneira pouco amable a quen está ao seu redor.
O noso papel como futuras docentes ten unha dobre funcionalidade: por un lado, expoñerlles aos cativos e cativas que quizais se atopan nunha situación similar á da xoaniña rosmona que actuando de malas formas non se conseguen uns resultados óptimos, como ben se exemplifica no conto e, por outro lado e o que aínda resulta de máis valor aínda que recoñecemos que é complexo, procurar que as persoas afectadas por estas actitudes desagradables adopten unha posición de calma ou incluso de pasividade ante estas condutas aversivas para colaborar, na medida do posible, a extinguir ese comportamento negativo que desexamos que non se volva a producir.

Recursos en liña
Dramatización en linguaxe de signos do conto A xoaniña rosmona para nenos e nenas de segundo ciclo de Educación Infantil realizada no CEIP Sobrada. Recuperado do blog do CEIP Sobrada http://ceipsobrada.blogspot.com.es/2011/12/xoanina-rosmona.html (Consultado o 07/05/18).

Representación teatral do conto A xoaniña rosmona realizada na Escola Infantil de Xinzo de Limia para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Recuperado do blog da Escola Infantil de Xinzo de Limia http://www.escolasinfantisdegalicia.es/xinzo/2012/05/04/a-xoanina-rosmona/ (Consultado o 07/05/18).

Conta-contos de A xoaniña rosmona realizada por nenos e nenas de 4ª de Educación Infantil dun colexio de Coristanco, A Coruña. Recuperado do blog Cativadas no Pichel http://cativadasnopichel.blogspot.com.es/2017/02/a-xoanina-rosmona.html (Consultado o 07/05/18).



Ningún comentario:

Publicar un comentario