xoves, 19 de abril de 2018

Toc Toc



Díaz, Pablo (2013). Toc Toc. Ilust. Nuria Díaz. Vigo: Editorial Galaxia, S. A., col. Sonárbore, 24 pp. (ISBN: 978-84-9865-505-6). 

Breve descrición do formato e contido: este libro é de formato rectangular (240 mm x 210 mm). A cuberta e contracuberta é de cartoné o que favorece a manipulación e experimentación por parte dos nenos e nenas sen medo a que rompa facilmente. A cuberta amosa a unha nena e un neno xunto con diversos animais que contentos se dirixen a petar nunha porta, unha porta que nos levará a comezar o libro e a achegar a música e a poesía aos máis cativos dunha forma lúdica e atractiva para eles. As imaxes son atractivas e coloridas o que permite chamar a atención dos máis pequenos e reparen nos múltiples detalles que esconde cada imaxe. O libro inclúe o conto e trece cancións (Piratas, O apalpador, Toc Toc, Mazarico, A galaxia, O rato e o gato, Garavanciña, A orquestra, O piollo e a pulga, Anticiclón, Teño un can de trapo, Ecoloxista e Pedro Chosco). Destacar tamén que este libro recibiu o Premio Martín Códax de Música Infantil 2014. 

Que inclúe o conto? Un conxunto de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non existen os conflitos, onde se defende o medio ambiente, a protección dos animais e todas as cousas que axudan a construír un mundo mellor. É un libro pensado para toda a familia, co que todos gozarán, cantarán e bailarán. 

Potencialidades educativas: este libro sérvenos para achegar á tradición oral aos nenos e nenas con cancións por exemplo como a de “Mazarico”, “O apalpador”, “Garavanciña” ou “O piollo e a pulga” entre outros. Ao mesmo tempo están mellorando e ampliando o seu vocabulario. Podemos traballar cos cativos/as diversos temas, como por exemplo o mar, os animais e os seus sons, personaxes da tradición galega, a galaxia e o universo, os fenómenos meteorolóxicos, o medio ambiente e a natureza, polo tanto trátase dun conto que nos permite abarcar diversos ámbitos para enriquecer aos máis pequenos traballando sempre desde unha perspectiva lúdica e motivadora que contribuirá á construción de aprendizaxes significativos. 

Recursos de interese: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario