luns, 30 de abril de 2018

¡Que llega el lobo!


Jadoul, Émile (2003). ¡Que llega el lobo! Ilust. do autor, trad. P. Rozarena. Zaragoza: Edelvives, col. Luciérnaga, [22 pp.], (ISBN: 978-84-2635-010-7).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado en cartoné traducido ao español de 27x15 cm. Na cuberta móstrase ao lobo nun bosque e, ao lonxe, a casa na que se refuxian o resto dos animais. Na contracuberta aparecen os títulos das outras obras que forman a colección no medio dunha paisaxe formada por árbores e paxaros. No seu interior, as ilustracións situadas nas páxinas da dereita, acompañan ao texto que vai narrando a historia situado na páxina da esquerda. Están compostas por debuxos con trazos ben delimitados e cores alegres propias dun entorno de natureza e de festa. O texto está escrito en letras maiúsculas na súa totalidade e mestura narración con frases que din os diferentes personaxes que aparecen na historia. Cabe destacar a abundancia das oracións exclamativas que serven para darlle un toque de intriga e emoción ao narrado.
Na obra, un grupo de animais, van á casa de Gran Cervo antes de que chegue o lobo. Durante toda a historia, semella que este personaxe vai comer aos outros, pero en realidade, están a prepararlle unha festa sorpresa de aniversario.

Potencialidades educativas:
A principal potencialidade é a eliminación dos prexuízos xa que, durante o transcurso da obra, a idea que os lectores teñen é a de que o lobo vai comer ao resto dos animais. Este feito está baseado nos contos populares como Carapuchiña Vermella ou Os tres porquiños.
Ademais, é un  bo instrumento para falar sobre a amizade, a importancia que esta ten para a creación dunha boa autoestima e a necesidade do ser humano de establecer relacións sociais. Os detalles axudan a conservar as amizades, aínda que o máis importante son os aspectos non materiais como por exemplo pasar un bo rato xunto coas persoas que apreciamos. Pódese observar tamén que as diferenzas de razas entre os protagonistas non supoñen un problema. Aínda que cada personaxe é un animal distinto, todos se xuntan e colaboran para facer que o lobo se sinta querido e teña unha sorpresa agradable. Neste punto, pódese traballar cos nenos e nenas a relevancia do traballo cooperativo e a importancia de que cada unha das partes se implique  para levar a cabo unha tarefa. Deste xeito, os nenos e nenas aprenderán a ser conscientes dos seus actos e poderán converterse en individuos responsables e con boas habilidades sociais.
Finalmente, grazas á diversidade de animais presentes na obra, tamén se pode empregar como un recurso para coñecer a fauna e a flora dos bosques e doutros ecosistemas, realizando actividades lúdicas para a aprendizaxe ou o descubrimento dos diferentes animais que existen.

Recursos de interese:
·   Marzaninfantil Marzan (2013):
https://www.youtube.com/watch?v=3eYmwZmSMyw  (Consultado 28/04/2018) Narración do conto cunha canción e interacción con nenos e nenas de 2 anos.


· Tapias, María (2017):
https://www.youtube.com/watch?v=ekGFGPxOElw (Consultado 28/04/2018). Videoconto acompañado por pictogramas narrado por unha muller e uns nenos e nenas dun centro de Educación Especial.


Ningún comentario:

Publicar un comentario