luns, 30 de abril de 2018

No colo de mamá


Evans, April T. (2006), No colo de mamá, ilust. Michelle López, trad. Manuel Ramos, Ourense: Ediciones Linteo, [34 pp.]  (ISBN: 978-84-96067-79-0).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de formato rectangular (26,8 x 22,22cm) e moi atractivo a primeira vista. Na cuberta podemos observar unha muller cun meniño, os dous cun sorriso que nos predispón a entender que o tema central da obra é o amor da familia. Ademais disto pódese atopar un breve resumo da colección á que pertence a mesma que é bilingüe, xa que o texto que acompaña ás imaxes ao longo da obra se presenta en galego e inglés.

En canto á descrición do interior, amósanse unha morea de imaxes de cores amarelas, verdes, laranxas e azuis intensos como, por exemplo, estrelas, arcos da vella que pretenden penetrar ao consumidor nun mundo onde a imaxinación e as cores cobran un dobre sentido, co que a autora pretende xogar de principio a fin. Pódese observar unha representación da relación que o protagonista, que non ten un nome (feito que permite que a imaxinación de cada un o personalice como ben lle pareza) expresa como se sente cando se atopa no colo da súa nai, ou ben do seu pai, da súa avoa e do seu avó, facendo comparacións con diferentes axentes da natureza. A obra está constituída por pouco texto acompañando ás ilustracións. Estas son, as que se atopan na páxina da esquerda, sempre en galego e, as que se atopan nas páxinas da dereita, sempre en inglés aportando certa musicalidade á hora da súa lectura, sexa quen sexa o narrador.

Potencialidades educativas: Como as emocións teñen moita importancia nos primeiros anos de vida dos cativos e cativas polo feito de ser o eixo central no desenvolvemento da personalidade e das relacións interpersoais de calquera un deles. O primeiro axente socializador que teñen como referencia para abrirse cara ó mundo exterior é a familia, así como para entendelo. A través desta obra, pódese traballar nalgún caso que se poida presentar a carencia de afecto que tan a miúdo se aprecia nalgúns cativos e cativas dentro das aulas ou na contorna de maneira xeral. Outra das potencialidades que presenta este álbum é a identificación co medio natural como axente identificador dos sentimentos. O nexo entre sensibilidade e natureza fai achegar dun xeito novo á necesidade de sentirnos parte daquilo que nos rodea e que nos fai sentir ben.
Familia, amor, terra, medio ... son conceptos que a diario tanto se sinte e precisa ter nas nosas vidas. A palabra COLO esixe como non pode ser doutra maneira, lerlle ós cativos e cativas dun xeito amoroso cada frase e parágrafo que integra esta marabillosa obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario