luns, 30 de abril de 2018

Astro-rato e Lampadiña: Parece que orballa!



Solís, F. (2017). Astrorato e Lampadiña: Parece que Orballa! Ilust. do autor. Santiago de Compostela: El Patito Editorial, 60 pp. (ISBN: 978-84-945512-9-1).

Breve descrición do contido e forma da obra: Álbum de viñetas de forma rectangular (21 x 29 cm) coas tapas brandas. Na cuberta obsérvase unha imaxe dos dous protagonistas da historia acompañados dun dos principais antagonistas. Asimesmo, o fondo sobre o que se plasman os personaxes fai entrever a forma do planeta no que transcorre a historia. Por outra banda, a cuberta conta cunha solapa que se a abrimos, por un lado vemos outra instantánea dos protagonistas, mentras que pola parte de dentro, podemos observar un xogo de mesa a partir do percorrido que teñen que seguir os protagonistas para cumprir a súa misión.
Polo que respecta a contracuberta, non garda relación cromática coa cuberta aínda que nela tamén aparecen os protagonistas. Ademais, faise un resumo da historia que se conta no interior e preséntanse dous títulos máis que compoñen a colección. Por ende, tamén conta cunha solapa que ao abrila, vemos unha fotografía do noso heroe e detrás desta, aparecen dúas estampas para colorear dos protagonistas, unha delas na que se enfrontan a un dos monstros que se atopan e outra cando son felices e volven á súa casa.
O libro presenta unha falsa garda na que aparecen Astro-rato e Lampadiña chocando as mans. En canto as gardas do principio, observamos unha fotografía do antagonista da historia que está amedrentando aos protagonistas, deixándose entrever que se trata dun monstro semellante a unha pataca con 5 ollos cunha boca moi grande. Pola contra, na garda final expóñense outros títulos do propio autor acompañados dunha fotografía de Astro-rato
A portada da obra recolle o título do libro e fai referencias ao autor do mesmo. O contido da obra céntrase en describir as aventuras de Astro-rato e Lampadiña que teñen lugar por diferentes planetas, nas cales se teñen que enfrontar a espantosas criaturas tales como o monstro Ciclópeo ou Patacator e das que trataran de saír vivos para conseguir a súa misión; sendo esta nun primeiro momento comprobar  se a lúa era certo o que dicían e estaba feita de queixo. Non obstante, debido a diferentes contratempos e por problemas que tiveron coa nave na que viaxaban ao quedarse sen combustible, tratarán por todos os medios conseguir chegar ao planeta terra do que proveñen.

Potencialidades da obra: É un libro axeitado para traballar en Educación Infantil con nenos e nenas a partir dos 4 anos. Grazas ás viñetas e o pouco texto que ten, resulta moi sinxelo de entender. Asimesmo, pódese utilizar como ferramenta didáctica e empregarse para dramatizar as vivencias dos personaxes ao ter moitos personaxes aos que dar vida.
Tamén se pode considerar como un libro interesante a hora de traballar a autoestima e a superación. Isto vémolo plasmado nos dous protagonistas principais, pois nun primeiro momento sentense aterrados e ven que non poden volver á terra, pero que tras meditalo e encherse de valor, farán o que falta para cumprir o seu obxectivo principal.
Por último, con esta obra podemos ensinar a todos os nosos alumnos a superarse a un mesmo e tratar de facer fronte as adversidades que se nos van presentando ao longo das nosas vidas, introducíndonos na mente de Astro-rato e Lampadiña e ver como eles son capaces de facelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario