Cutbill, Andy (2011). Primeira semana na escola de vacas. Ilust. Rusell Ayto. Trad. Laura Sáez, Pontevedra:Patasdepeixe, [32 pp.]. (ISBN: 978-8-49-463410-9)
Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado, cadrado de tapa dura. A cuberta está representada con moito detalle e colorido, facendo destacar o título sobre un fondo amarelo e un estampado a cadros simbolizando un caderno, obxecto que anticipa o espazo no que se vai a encadrar a historia. Seguindo esta liña, presenta á protagonista acompañada dalgúns dos seus compañeiros, con accesorios moi representativos da escola. Na súa contracuberta, ademais dun breve resumo da obra e a imaxe dunha das escenas que se encontran no seu interior, atópase a presentación da primeira parte desta historia, A vaca que puxo un ovo. As súas gardas fan referencia ao rasgo identificativo das personaxes, as manchas da súa pel. Na súa falsa garda da esquerda repítese o mesmo estampo, na da dereita atópase representada en pequeno, unha vaca camiñando feliz, dando paso á volta da folla e con isto á portada. Esta é simple, con cores en branco e negro, resaltando as personaxes con tons en cor. O texto é breve e sinxelo de ler, a súa cor resalta da do fondo e os tamaños, o tipo de letra e a estrutura son diferentes. Está desperdigado por parágrafos ao longo das páxinas, desta maneira conséguese unha lectura máis divertida, ademais de obrigar ao lector a percorrer coa mirada todo o contido que se proxecta nestas. Utiliza xogos de palabras e onomatopeas que fan mais entretida a lectura. As ilustracións engaden información moi relevante na historia, xa que describen á perfección o que se reflicte no texto. Representan a escena con moito detalle e colorido, xogando coas diferentes cores en cada páxina. Esta obra está dedicada polos autores aos nenos e nenas de tres escolas diferentes.
A protagonista é unha vaca que naceu dun ovo. Cando comezou a escola deuse conta de que non podía facer moitas cousas das que facían os seus compañeiros, como espantar as moscas co rabo ou pintar cos pezuños. Un día descobre que ten un talento especial deixando abraiados ao resto do rabaño.
Potencialidades educativas: esta obra permite traballar a autoestima. Coa anécdota da vaca Daisy faise ver a importancia de valorarnos e querernos a nós mesmos, deixando atrás a inseguridade de que somos diferentes, xa que todos o somos, e creando unha seguridade e confianza de que somos capaces de facer todo o que nos propoñemos. Con isto, tamén se poden traballar as diferentes emocións que se poden experimentar ao sentirnos diferentes nun momento dado.
Por outro lado, pódense traballar diferentes formas de lectura fora da tradicional, xa que os textos xogan con diferentes estruturas e tipos de letra, como son de arriba para abaixo, en espiral, en círculos, etc. É unlibro interactivo xa que xoga coas palabras e con onomatopeas que permiten aos
nenos divertirse ao mesmo tempo que leen.
Recursos:
A primeira parte deste libro, A vaca que puxo un ovo, comentado por Martín González Fernández en “O recuncho da lectura”. http://recunchodalectura.blogspot.com.es/2018/03/la-vaca-que-puso-un-huevo_7.html (Consultado o día 21/04/2018)
Ningún comentario:
Publicar un comentario