martes, 17 de abril de 2018

Crocodilo




Rubio, Antonio, (2005). Crocodilo.  Ilustr. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, col. Do berce á lúa, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-545-0).
Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de lectura fácil con “littering”, é decir, o cromatismo da grafía redunda no concepto que representa, por exemplo; “Verde, verde, ver” escríbese coa propia cor da que se fala. Desta forma tan visual é máis sinxela a súa memorización. O formato do conto está feito con cartoné de dimensión 16x16 cm e coas puntas redondeadas. Na cuberta podemos observar o crocodilo, que dá nome á obra, cunha cor verde esmeralda que destaca sobre a cor verde pino que cobre toda a cuberta e a contracuberta. Nesta última atopamos o debuxo do piollo co que acaba o conto e o nome da colección “do berce á lúa”. Con respecto ao interior do conto do álbum, ten unha estrutura moi sinxela. O fondo das páxinas semella papel reciclado e os debuxos moi simples, parecen trazados por nenos pequenos. Segundo se van pasando as páxinas podemos apreciar como os debuxos que se mencionaron con anterioridade van diminuíndo de tamaño, debido a que as imaxes son acumulativas. Están situadas á esquerda da páxina coa frase debaixo, mentres que na páxina par aparece a palabra referida á cor, que se repite tres veces, o que acentúa a musicalidade do texto. A cor da ilustración representa a cor que se nomea e coa que está escrita a palabra.
Crocodilo pertence á colección “do berce á lúa”, da que forman parte  nove exemplares máis, que se iniciou conLúa, Cinco, Miau e Paxariña de papel, e máis recentemente foron incorporados Zapato, Violín, Árbore, Limón e Veo Veo destinados a nenos de entre 0 a 3 anos de idade para facilitar a lectura e a aprendizaxe de conceptos básicos como as cores, responden aos intereses destas primeiras idades, como son; os primeiros números, Cinco; as cores, Crocodilo; os animais domésticos, Miau; a máxica lúa, Lúa; a comida, Paxariña de papel; o calzado, Zapato; a música e os sons, Violín; o espazo, Árbore; o xogo, Veo Veo e as froitas, Limón. Cada libro é un poema completo que se constrúe en base a unha estruturación poética do cancioneiro infantil: rima, enumeración, encadeamento, retrouso e verso.
Potencialidades: Crocodilo é un álbum que nos dá a oportunidade de ensinarlle aos máis pequenos conceptos básicos da vida cotiá, como son as cores. O seu formato, onde se repite o nome da cor, reforza o nome da cor coa propia cor, o que facilita a memorización destes conceptos non só a través da repetición das palabras, senón tamén da rima. É un poema moi visual, con cores vivas, debuxos simples e frases curtas en maiúscula, polo que atrae a atención do neno/a e permite recitar ou cantar o poema de diferentes maneiras, tantas como cada vez que nos aproximemos ao libro.
Recursos educativos:
Cuentos infantiles (2017). Cuento “Cocodrilo” de Kalandraka [Vídeo]. Recuperado de:  https://www.youtube.com/watch?v=k7ROEEgHz7Y

Santiago, Belén. (2017). “Caja de luz más actividades” Creciendo con libros y juegos Recuperado de:http://creciendoconlibrosyjuegos.blogspot.com.es/2017/03/caja-de-luz-actividades-tercera-parte.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario