Breve descrición e contido da obra: álbum ilustrado de 25x23 cm en
lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura, con encadernación
en cartoné formando unha unidade na que aparecen diferentes bechos uns detrás doutros
en liña. En concreto, na cuberta aparecen algúns deses bechos rodeando unha
folla, o que xa nos aporta algunha pista sobre o argumento. O título
aparece na mesa en letras minúsculas en cor negra e de estilo informal. As
cores empregadas para ambas son de tipo cálido, amarelos, alaranxados,
vermellos e verdes oscuros, predominantemente, o que simula a vida na terra
onde viven os bechos. Nas gardas dianteiras e traseiras aparecen dúas
margaridas que ocupan a práctica totalidade da páxina, empregando a mesma gama
de cores que na cuberta e a contracuberta. A páxina de créditos e a portada
conforman unha unidade na que se poden observar algunhas bolboretas seguindo a
outras desde a páxina de créditos cara á portada, nun xesto que convida a ler o libro seguindo a súa dirección. Ademais,
na páxina de créditos aparece unha pequena dedicatoria da autora a tres persoas
diferentes.
As ilustracións
son de tipo figurativo e nelas represéntase a dicotomía da superficie e o
subsolo ata que os bechos chegan ao limoeiro. O argumento da historia trata
sobre un vermiño que quere chegar da laranxeira ao limoeiro. Polo camiño
atópase con distintos bechos que queren ir ao mesmo lugar, sumándose á viaxe nas
costas do vermiño. Unha vez chegados ao destino, os compañeiros da viaxe serán os
que axuden ao vermiño para poder superar certas dificultades.
A estrutura do
texto presenta dúas partes. A primeira é a que fai referencia ao camiño no que
se van sumando os distintos bechos: “onde ides amigos? da laranxeira ao limoeiro,
este ano imos de primeiros, levádesme con vós? Levamos...monta!, dixo o
vermiño. E a pulga, a formiga, a xoaniña, a tesoiriña, o grilo e o vermiño
seguiron o camiño”. A segunda parte é a que se refire á axuda que os bechos
proporcionan ao vermiño: “grazas, (becho
x)! Pensei que desta non saía! A ti, pola viaxe!”. Trátase dunha historia
lineal que comeza coa viaxe do vermiño ata a súa transformación en bolboreta. A
linguaxe está adaptada aos lectores potenciais, facendo referencia a algúns
bechos que habitan na terra (pulga, formiga, xoaniña, tesoiriña, grilo,
vermiño, eiruga, avespa, araña, pulgóns, paxaro e bolboreta), dúas árbores
froiteiras (limoeiro e laranxeira), algunhas partes dunha árbore (póla, tronco,
folla).
Potencialidades educativas: A viaxe das bolboretas permite
reflexionar sobre o valor da axuda e da solidaridade para cos demais: a
importancia de axudar desinteresadamente e de devolver a axuda a aqueles que
nos axudaron cando precisan de nós. Ademais, os lectores poden familiarizarse
con algúns bechos que habitan na terra, coñecendo as súas características
físicas, así como o proceso de metamorfose que dá lugar ás bolboretas,
complementando esta información grazas ás ilustracións.
Recursos de interese:
- Curtametraxe de animación.
- Informes de literatura. Observatorio de literatura dende 1995. Para saber máis sobre A viaxe das bolboretas. (Informe 2006)
- Sobre a autora, Paula Carbonell. Información de interese.
Ningún comentario:
Publicar un comentario