domingo, 15 de abril de 2018

A galiña azul



Casares, Carlos (2002). A galiña azul. Premio do 1º Concurso Nacional de contos infantís en galego d’O Facho 1968. Ilust. Xan López Domínguez, Vigo: Editorial Galaxia, col. Árbore, nº 34, serie laranxa (a partir de 7 anos e para adultos), 2002, [46 pp.]. (ISBN 84-8288-536-7).


Breve descrición do formato e contido: é unha das primeiras obras en galego para a infancia e xuventude pero tamén foi lida por moitas persoas maiores. Gañou o primeiro premio do I Concurso Nacional de Contos Infantís en Galego O Facho en 1968, o mesmo ano no que se publicou. É un libro rectangular de tamaño medio (13,6 x 18,8 cm), na cuberta atopamos o título do libro xunto cunha ilustración dunha galiña azul que é a que lle dá o nome ao libro e supón o punto de partida da obra. Este conto combina texto con ilustracións que permiten unha mellor comprensión do mesmo e semellan estar pintadas con acuarelas. É destacable mencionar que se trata dunha serie de relatos que teñen sentido completo por separado pero que en conxunto recrean elementos dun universo común. Son: “O peixe da fonte do Xardín”, “A bomba da felicidade”, “A galiña azul”, “A formiga esquiadora” e “O final da historia da galiña azul”. No libro o narrador vai recordando para unha nena amiga, Ana, algúns episodios vividos por ela cando tiña dous anos antes de marchar para Santander, co fin de que non esqueza nunca que é galega. Entre eles destacan as historias de Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade e do "papapío", unha lingua para falar cos paxaros. Non obstante, o personaxe central é a Galiña Azul, á cal quere matar Manolito Listón porque, segundo di, unha galiña que en vez de dicir cacaracá di cocorocó e que ten cinco plumas encarnadas na á dereita, "non é unha galiña como é debido.

Cada unha das historias están protagonizadas por humanos e animais con peculiares características. A primeira conta a historia dun peixe azul e vermello que morreu por darlle de beber a un paxaro que caeu moribundo por mor da calor antes de chegar á fonte. A segunda fala de Leoncio, un inventor, creador do idioma “papapío” para falar cos paxaros e formigas e que anuncia o seu último invento: a bomba da felicidade que ao estourar aparecen vinte bandas de música e choven roscóns, rosquillas e globos de cores. A terceira historia é a que dá título ao libro, trata da galiña azul que ten Lorenzo, que é moi rara pola súa cor, pon ovos de cores e non di cacaracá senón cocorocó e por iso as autoridades lle piden a Lorenzo que a entregue. A cuarta, fala dunha valente formiga que tiña unha pata rota pero non por iso deixou de persistir na súa tarefa de levar unha gran pedra de azucre. E por último, a quinta historia continúa a terceira, onde a xente para axudar a Lorenzo tinguen de azul a todas as galiñas e ademais Lorenzo anda amestrando a galiña para que aprenda a dicir cacaracá. O autor finaliza a historia dicindo que lle seguirá contando historias.

Potencialidades educativas: a pesar de non ser unha obra de recente creación a súa funcionalidade segue moi presente hoxe en día. A historia mostra a intolerancia e inxustiza da sociedade ante o diferente, ante a diversidade. Casares mediante esta obra fai unha crítica a estes comportamentos amosando que existe a solidariedade, o respecto e a perseveranza entre outros valores. No libro podemos observar diferentes animais que se axudan entre eles, incluso morrendo un deles por axudar ao outro. A diversidade está moi presente na historia da “Galiña azul”, xa que polo feito de ser diferente a queren matar, non obstante a solidariedade volve estar presente e os veciños axudan a Lorenzo para evitar que isto suceda. No relato da “Formiga esquiadora” vemos valores negativos como a pasividade e o egoísmo, xa que a formiguiña ten a pata rota e ningunha das súas compañeiras se detén a axudala ou a compartir con ela o seu azucre, ademais de que unha mosca tamén llo rouba e ten que volver de novo por outro terrón, e a causa de tantos esforzos acaba morrendo. Non obstante atopamos tamén valores positivos como son a perseveranza, valor moi importante que deberiamos traballar cos nenos e nenas, ensinarlles a loitar polas cousas que merecen a pena, esforzarse por conseguilas aínda que en ocasións custe moito traballo, aprenderlles a non renderse cando atopen dificultades. Por todo iso esta obra é un recurso moi valioso que nos permite traballar multitude de valores cos nenos e nenas. Ademais disto, podemos traballar a identidade galega ou incluso palabras galegas únicas, como a morriña que o autor pretende espertar na destinataria das cartas, palabra presente noutras linguas pero en esencia galega.
  
Recursos de interese:

Ningún comentario:

Publicar un comentario