Colectivo Crisol (1998). O casamento da pulga e o piollo, selección e adaptación de Mª Carmen Aguín, Tina Parada, Elvira García, Carlos Alfonso e Remedios Padín, ilust. Pepe Carreiro, Vigo: A Nosa Terra, col. Contos Populares, [20 pp.]. (ISBN: 84-89976-41-4).
Breve descrición do formato e contido: conto popular rimado de formato cadrado (17 x 17 cm.). Posúe unha cuberta e contracuberta de cartón duro para favorecer a manipulación por parte dos nenos e nenas, que tamén se logra gazas ao seu tamaño que o fai moi manexable. As imaxes que emprega son coloridas e vistosas, o que convida a captar a atención dos pequenos e pequenas. A cuberta xa nos adianta a temática do relato, pois nela vemos a unha pulga e un piollo que van casar pero non tiñan pan nin onde buscar. A reescrita deste conto popular faise en letra redonda, o que favorece a lectura de modo temperán e autónoma. As ilustracións son figurativas e recrean o contido do texto o que permite unha mellor comprensión por parte dos cativos/as. Algúns animais préstanlle axuda: a formiga ofrécelles pan, a araña técelles os manteis, o lobo dálles carne, o mosquito sérvelles o viño, o rato propón ser o padriño e a ra ser a madriña, o sapo ser o danzante e o grilo o gaiteiro. Por fin poden casar! Pero de tanto ruído apareceu o gato e pillou ao padriño.
Potencialidades educativas: este libro sérvenos para traballar cos nenos e nenas o tema da amizade e o compañeirismo. A historia amósanos como os amigos e amigas da pulga e do piollo lles ofrecen a súa axuda para que poidan, casar xa que eles non teñen nada. Por isto, tamén é un bo recurso para traballar cos nenos/as o concepto de compartir, prestar... e facerlles entender que non se deben enfadar ou molestar cando teñen que compartir ou prestar aos demais as súas cousas, xa que noutros momentos serán outros/as os que lles presten as cousas a eles/as. O conto permítenos tamén traballar os animais, coñecendo os seus nomes, os números (por exemplo contando o número de patas que teñen), as cores... por tanto estaremos traballando as descricións dunha forma indirecta. Ademais, a forma rimada desta historia permítenos traballar a memorización, o ritmo e a rima, achegando de modo lúdico á poesía de carácter narrativo aos máis pequenos.
Recursos de interese:
- Blog O rencanto de música (2011). Conto musicado “O casamento da pulga e o piollo”: http://orecantodemusica.blogspot.com.es/2011/03/ocasamento-da-pulga-e-o-piollo.html (consultado o 26 de febreiro de 2018)
- CEIP Virxe da Soidade. As Gándaras (2014). Dramatización “O casamento da pulga e o piollo”: http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipasgandaras/node/288 (consultado o 26 de febreiro de 2018)
- García, Carmen (2014). Espectáculo “La boda de la pulga y el piojo”: http://www.juntadeandalucia.es/educacion/webportal/ishare-servlet/content/8665c8e5-348d-4f9b-b637-4eb65d198648 (consultado o 26 de febreiro de 2018).
- Orellapendella. En http://orellapendella.gal/?s=o+piollo+e+a+pulga&post_type=post Nesta páxina recóllense diferentes versións deste conto (consultado o 14/03/2018).

Ningún comentario:
Publicar un comentario