mércores, 18 de abril de 2018

A caricia da bolboreta


Voltz, Christian (2008). A caricia da bolboreta. Ilustr. autor, trad. Emma Lázare. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora,  [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-657-0).

Breve descrición do formato e contido: libro ilustrado de tapa dura. Na cuberta observamos a imaxe dun ser animado formado con elementos naturais e obxectos da vida cotiá, aos que todos xuntos se lle outorga outra característica como ao garfo, que na historia é unha forcada. Se nos fixamos ben, tamén sae unha bolboreta que é a representación da avoa, que neste caso fai referencia ao título. A contracuberta recolle a pantasma da avoa máis unha regadeira que está enlazada coa súa paixón polas flores e vinculada tamén ao coidado do campo presente na historia. Tanto cuberta como contracuberta forman unha mesma ilustración. As gardas son a imaxe real da terra, que ten conexión co espazo no que se desenvolve o conto. Na portada aparece de novo a bolboreta apoiada nunha regadeira.
As ilustración ocupan dúas follas, están formadas con elementos naturais ou outras bases como cortiza, pincel, chapas de refresco, arame, metal, paus e un anaco de pataca. Todo isto caracteriza aos nosos personaxes e o ambiente, excepto á avoa que está debuxada e é de cor azul e branca. A imaxe da bolboreta está chea de significación xa que cando aparece a figura da avoa, a bolboreta desaparece, e viceversa. Polo tanto,a técnica pola que optou a ilustradora é o collage. O texto é curto e sinxelo, aparece en cada folla e ten coherencia coas efixies. A narración é un diálogo entre o avó e o seu neto, utilizan unha linguaxe sinxela. As voces falan en presente, excepto ao referirse á avoa que optan por unha narración en pasado. O espazo no que se desenvolve á historia é rural, están a sementar e o neto recibe algún que outro consello do adulto, parece que o espazo e a representación dos personaxes están conectadas xa que son moi naturais.
Na historia ollamos tres protagonistas: a avoa, o avó e o neto. A avoa nunca intervén na conversa pero si nas ilustración, xa que ofrecen detalles que o texto non. A obra comeza cun traballo no campo que están a facer avó e neto, primeiro plantan patacas e logo unha cerdeira. Mentres sementaba, o pequeno pregúntalle ao seu avó onde está a avoa. O adulto sincero explicoulle que el non cría que estivera debaixo da terra porque a sentía preto, sentía a súa axuda naquelas accións cotiás. Tamén o coidaba moito, xa que sempre se levaba a súa botella de viño. Así o neno entendeu que aínda que unha persoa non estea presente fisicamente pode estalo de moitas outras maneiras, sempre que se mire co corazón e non cos ollos. 
A obra podémola encontrar en diferentes idiomas ademais de en galego: castelán La caricia de la mariposa, catalán La caricia de la papallona y portugués A caricia da borboleta.

Potencialidades educativas: a obra está recomendada para nenos e nenas maiores de 4 anos. Trátase dun recurso moi útil para explicar aos infantes a ausencia dun ser querido e transmitir empatía por aquela persoa da parella que aínda queda viva. Ademais, hai valores presentes no conto como o amor, respecto e a crenza de que nada morre se todo se recorda.

Recursos de interese:
Kalandraka (2008). A caricia da bolboreta. http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/A-caricia-da-bolboreta-G_02.pdf . (Consultado 29/03/2018).

Enrique (2010). “Niños y poetas”. https://enriquecordero.wordpress.com/2010/11/18/la-caricia-de-la-mariposa/ . (Consultado 29/03/2018).

1 comentario: