Mayer, Mercer (2001), Un pesadelo no meu armario, ilust. do
autor, trad. Xosé Manuel González. Pontevedra: Kalandraka, col. Libros para
soñar, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-101-8).
Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de
tamaño grande, traducido do inglés, que conta con versións en galego, éuscaro, catalán, portugués, italiano
e castelán. Foi recoñecido pola súa calidade literaria e
estética e forma parte do Plan Nacional
de Lectura (SEP México)-2003 e do Plan Nacional de Leitura (PLN Portugal).
Está formado por tapas
duras e de cantos rectos. Na cuberta atopámonos con ambos os protagonistas da
historia, o neno e mailo monstro, nun espazo da habitación; na contracuberta, a
imaxe do monstro dentro do armario. As gardas de cor verde, recordando a cor do
monstro que se esconde no armario. Na portada unha imaxe do armario aberto que
anima a avanzar no libro e descubrir a historia, acompañada do título da obra e
nome do autor.
O texto que presenta é
breve, de fácil comprensión e efectivo. Este acábase completando coas imaxes. As
ilustracións son de gran relevancia nesta obra. O autor xoga co tamaño dos
planos, pasando dun plano xeral a un curto, para dar a sensación de medo e
tensión que o neno experimenta. As cores, empregadas para diferenciar o territorio
do neno e do monstro, sendo así o do neno maioritariamente en tons alaranxaros
e o do monstro maioritariamente verdes. As ilustracións xogan coas cores no
momento no que o monstro está entrando no territorio do neno e este deixa de lle
ter medo, pois comeza a tornar nun ton máis alaranxado.
Son importantes tamén
aspectos das ilustracións como os sentimentos e emocións que queren transmitir,
pasando do medo, ao enfado, á alegría, á pena para finalmente acabar a historia
cun final feliz e detalles finais como o novo monstro que aparece cando os
protagonistas xa están na cama.
A historia comeza co neno deitado na cama e a
porta do armario aberta. O cativo todas
as noites pasa medo porque sabe que hai un pesadelo no armario do que sente
moito pánico. Un día o neno decide enfrontarse a el, mais finalmente acabará
cedéndolle un espazo no seu leito. Pero, habería só un monstro
no armario? O asunto principal da obra é transmitir os sentimentos do neno e do
monstro, que mediante texto e ilustracións se consegue.
Potencialidades: coa temática do libro pódense traballar as
emocións, principalmente a do medo, aínda que no transcurso da historia aparecen outras, que
as nenas e nenos poden identificar. O texto, sinxelo, axuda a comprender
perfectamente a historia, e as imaxes, expresivas e rechamantes atraerán o
interese das cativas e cativos facendo así que complementen a historia e que
entendan todo moito mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario