luns, 5 de marzo de 2018

El cervatillo valiente



Harker, Jilliam. (2006). El cervatillo valiente. Ilustr. Caroline Pedler, Trad. Marta Borrás Monill. Barcelona: LocTeam S.L., [17 pp.], (ISBN: 978-1-40548-145-8).


Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado cunhas dimensións de: 24’8 x 22’7 cm, rodeado por unha sobrecuberta con relevo. É de tapa dura, polo que nos permite conservar mellor o libro ao igual que facilitar o seu manexo, sobre todo tendo en conta aos nenos e as nenas. As ilustracións son moi coloridas, en relevo e ocupan toda a páxina, cunha chea de detalles. O texto é sinxelo, fácil de comprender e as letras son grandes. Ocupan un pequeno espazo nas follas, entrelazándose nalgúns casos coas ilustracións, aínda que sen obstaculizar a súa lectura.

Este conto nárranos a historia dun cervato que un día, ao espertar pola mañá, quería xogar cos seus amigos: oso e castor. Cando os foi buscar, estes tiñan algo que facer, polo que lle pedían ao protagonista se os axudaba. Pero ao ter que facer determinadas tarefas ou actividades que lle producían algo de medo ao cervato negábase explicándolles porqué non quería e marchaba buscar a outro amigo. Todo se complica cando o cervato escoita un berro pedindo auxilio. Vai buscar os seus amigos para que o acompañen a axudar ao animal que estaba en problemas, pero tanto o castor coma o oso teñen medo de que sexa o lobo o que está a ameazar a ese animal. Así que o cervato decide ir só. 



Potencialidades: Desde o punto de vista da amizade, podemos tratar o libro como unha historia que trata eses vínculos e a importancia de axudar aos demais. Pero tamén podemos sacarlle partido mirándoo desde outra perspectiva: como enfrontar os nosos medos e ter, as veces, un pouco máis de valentía. Para trasladalo ao ámbito infantil, pódenos dar moito xogo á hora de utilizalo como un medio para tratar estes temas. Por exemplo, unha actividade que se pode facer ao rematar a lectura consistiría en preguntarlles aos nenos e as nenas como creen que se sentiron os amigos do cervato, o oso e o castor, ao ver que o seu amigo non xogaba con eles por medo. Tamén sobre como se sentiu o protagonista ao non poder xogar con eles polos seus temores e por último reflexionar sobre o que farían eles se se atopasen nunha situación parecida.

O libro, moi sinxelo e atractivo, tamén é interesante polas súas ilustracións que están moi ben tratadas e que ao ter releve, son idóneas para exploralas co tacto, contribuíndo a unha percepción máis intensa da historia que nos conta. Desta maneira, os nenos e as nenas poderán tocar as imaxes, adentrarse mellor na historia e gozar o libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario