sábado, 31 de marzo de 2018

Titiritesa


Resultado de imagen de titiritesa
Quintiá, X. (2008). Titiritesa. Ilust. Mauricio A. C. Quarello. Pontevedra: OQO editora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-96788-54-1).

Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura e formato 25 x 23 cm. Conta con ilustracións a toda páxina nas que a perspectiva predominante é a de primeiro plano. Na cuberta podemos observar a dúas personaxes do conto, onde unha delas dirixe a mirada ao lector; mentres que a outra mira cara ao interior do libro. A contracuberta é unha prolongación desta escena inicial, onde aparecen dous personaxes novos. Nas gardas observamos como dúas follas en forma de corazón amosan  o camiño cara ao texto. Quarello, co seu persoal estilo de ilustración, debuxa personaxes cunha personalidade acorde ao texto. As imaxes achegan verosimilitude ao relato, pero ademais evocan con mestría os sentimentos que invaden unha persoa cando medra e experimenta por primeira vez o amor. Neste álbum cóntase a historia de Titiritesa que vive no reino de Trasantonte. A súa nai, Mandolina, soña con ver a filla ben casada e tenta educala como unha cortesá refinada. Pero a filla non comparte as aspiracións da súa nai, a raíña, e rexeita esa vida convencional que lle queren impoñer. Ante a inminente chegada dunha institutriz, Titiritesa decide fuxir de palacio para vivir fantásticas e divertidas aventuras: visitar un inventor de palabras, enfrontarse a un terrible monstro, coñecer outra princesa de labios doces. É un conto atrevido que trata a homosexualidade feminina con humor, naturalidade e frescura.

Potencialidades educativas: comparto a opinión con Alicia Delicado de que a literatura ―nacida da imaxinación― está concibida na rutina diaria da sociedade de cada época. Normalmente, os escritores adoitan contar a situación social do seu tempo, aínda que tamén gusten de recrear escenarios pasados. Así os personaxes das novelas actuais poderían ser fieis prototipos de individuos do século XXI. Pero, que sucede cos contos? Estas historias perduran ano tras ano sen ter en conta a evolución social e histórica, son relatos cheos de seres medievais con características arraigadas a ese momento. Porén o escritor galego Xerardo Quintiá, que publicou a novela O viaxeiro radical, navega polo mundo do conto dunha forma distinta. Pretende romper os estereotipos (muller bonita, home salvador e forte, etc.) que tanto fomentan estes relatos e adaptalos ao mundo moderno, todo sen variar a estrutura argumental e ambientación da historia. Gnomos, princesas, países afastados acampan ás súas anchas polas páxinas da literatura infantil de Xerardo Quintiá, coa única condición de que se actualicen en dereitos individuais, respecto e integración social. Un claro exemplo é o seu conto: Titiritesa. (Delicado, 2015)

Recursos:
Albazan, B. (2015) Sombracuentos. Enlace: https://alabazan.net/es-que-itzalak&rel2=que-itzalak&page=2&limit=1&rpp=1 (Consultado 20/03/18).
Delicado, A. (2015). El cuento que busca romper estereotipos. Enlace: https://thecultureta.wordpress.com/2015/07/15/el-cuento-que-busca-romper-estereotipos/ (Consultado 20/03/18).




Ningún comentario:

Publicar un comentario