sábado, 31 de marzo de 2018

O camiño á casa

Cotton, Katie (2017). O camiño á casa. Ilust. Sarah Jacoby, trad. Fe González Fernández. A Coruña: Hércules de Ediciones, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-946502-9-1 ).



Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado con tapas duras. O texto, en forma de versos rimados moi sinxelos, vai acompañado de ilustracións en acuarela a dobre páxina. Nelas combínanse gammas de cores moi diversas e cargadas de detalles, á par de que se xoga con diversas perspectivas e planos, o que lle confire maior dimensión. Como indica o título da obra, cóntase a historia do camiño á casa das familias de animais que hai nun bosque pola chegada do inverno. O libro é unha metáfora das diferentes formas de familiasque existen, das peculiaridades que teñen e das adversidades que deben superar, sempre desde o cariño e o traballo cooperativo. Cada viaxe é diferente, segundo o refuxio que buscan, os membros que ten a familia ou os animais dos que foxen. Todo isto intégrase dentro dun bosque onde conviven fauna e flora dun xeito harmonioso.



Potencialidades: destaca a calidade das ilustracións e da linguaxe sinxela que permite facer deste álbum unha obra accesible desde idades temperás. Pese a que destaca o tema da familia non é o único que se pode traballar. A obra permítenos coñecer distintos animais, facer asociacións entre uns e outros e o contexto no que viven, o trato adecuado e o respecto co que debemos coidar o ambiente natural que nos rodea, o amor entre as personaxes e o traballo colaborativo… quedar só coa metáfora das distintas familias é pechar os ollos a moitos significados igual de útiles. É un libro que non só serve para pequenos, tamén para adultos e sobre todo para lelo guiando a lectura dos pequenos, facendo fincapé en temas e interpretando os significados.


Recursos en liña:







Ningún comentario:

Publicar un comentario