venres, 30 de marzo de 2018

Sen rumbo polo mundo, Catarina e o Oso.


Pieper, Christiane. (2015). Sen rumbo polo mundo, Catarina e o Oso. Ilustr. da autora, Trad. Pepe Martínez García. Pontevedra: Kalandraka, col. demandemora, [32pp.] (ISBN: 978-84-95123-20-6).


Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de tapa dura que permite un manexo sinxelo e cómodo para os máis pequenos e pequenas. As imaxes son moi vistosas e ben definidas. Representan moi ben o que quere contar a historia e proporciónannos máis información da que se mostra no texto. Cada unha das imaxes ocupa dúas páxinas e nelas móstrase as aventuras polas que pasan os protagonistas, recreando detalles sobre as súa accións e o escenario que os rodea, ademais de proporcionar información sobre unha paisaxe moi colorida e ben definida. O texto é fácil de comprender.
O conto narra a historia dunha rapaza que un día decidiu seguir a un oso. Nese momento enfráscanse nunha aventura moi divertida e lúdica xa que viaxan polo mundo, coñecendo diferentes culturas, lugares, animais...
Unha das cousas que máis destacan no que se nos conta é que os personaxes imitan os comportamentos, accións ou formas de camiñar das persoas ou animais cos que se atopan na súa viaxe. Ambos percorren moitos e característicos lugares como o mar, a montaña, o deserto... ensinándonos as curiosidades coas que se cruzan e o ben que o pasan.


Potencialidades educativas: é un álbum moi vistoso para os nenos e para as nenas por moitos motivos. Primeiro porque poden coñecer diferentes lugares do mundo, coas súas características (mar, deserto, cidades) e as súas culturas. Segundo porque nos mostra indirectamente a relación de amizade que teñen o oso e a rapaza, xa que en ningún momento se di directamente pero é algo que podemos observar porque o pasan moi ben xuntos e non se separan. E terceiro que nos ofrece diferentes posibilidades de xogos, por exemplo, buscar nas imaxes distintos elementos que caracterizan cada lugar, atopar cal é o animal ou persoa que están imitando e porqué o imitan ou tamén pedirlles que inventen unha historia sobre o que poden vivir os personaxes en cada localización.
Este álbum ilustrado conta cunha segunda parte chamada Catalina, o Oso e Pedro na que un novo compañeiro se une ás aventuras dos nosos protagonistas demostrándonos que as barreiras físicas non son un problema para gozar e aprender cada día da vida.


Recursos de interese:


1 comentario:

  1. ¡Hola Uxía! No conocía esta obra, pero por lo que cuentas de ella creo que también se podría utilizar para hacer ejercicios de psicomotricidad al mismo tiempo que los niños dramatizan la historia. ¡Me ha gustado mucho tu propuesta!

    ResponderEliminar