venres, 30 de marzo de 2018

Poemas birollos para ler cos ollos

Alonso, Fran (2016). Poemas birollos para ler cos ollos. Ilust. do autor. Vigo: Edicións
Xerais, col. Sopa de libros, [72 pp.]. (ISBN: 978-84-9121-052-8).


Descrición do formato e do contido: volume encadernado en rustsolap, de tamaño
rectangular (20 x 13 cm) e tapas brandas. Destacan palabras claves dos poemas ou
composicións en cores chamativas (azul, amarelo, vermello, etc). As palabras destacadas
son para resaltar a  chave de cada poema e/ou unha palabra que se escriba de forma similar
pero de significado distinto, aínda que relacionado co significado do poema. Aparecen
caligramas e palabras que debuxan unha forma relacionada co tema do poema (se fala dos
ollos imita unha cara ou outro exemplo, se fala dun dron imita coa consoante “s” a silueta
deste obxecto). As ilustracións están relacionadas co tema do poema. Mestura debuxos de
acuarela, feitos soamente a trazos de lapis e mesmo con fotografías reais, pero sempre
relacionadas coa temática. Tamén poden estar feitas con signos de puntuación. Podemos
atopar palabras sen sentido dun xeito independente pero que en conxunto co resto do poema
ten moito significado. Sorprende como converte as palabras nun xogo. Con soamente dúas
palabras principais pódese formar moitas distintas, dándolle aos máis pequenos un claro
exemplo da maxia das palabras. Xoga coa musicalidade das palabras, usando a rima. As
palabras acaban co mesmo son. A musicalidade tamén aparece cando todas as palabra
conteñen a mesma consoante ou a mesma vogal (como por exemplo pode ser a letra
“m” ou a letra “o”). En ocasións a palabra clave do poema aparece noutros idiomas.
Intercala o tamaño das letras cambiando o ton no que se le (palabras pequenas, ton
baixo; palabras normais, ton normal; palabras grandes, ton alto). Nun dos poemas
aparece un rescurso online, onde se pode xogar coas palabras. Aparecen misturados
entre os versos dalgúns poemas cancións infantís para xogar. Moitas das palabras e
mesmo as frases repítense ao longo do libro nalguns poemas. Como temática destacar
que usa a natureza, elementos da vida diaria, sensacións como o medo, horas do día
pero o máis recorrente é o tema do mar. Ao final do libro pregúntase  ao lector cal
foi o seu poema favorito. Ademais aparece unha entrevista ao autor. O libro consta
de corenta e nove poemas que teñen como principal obxectivo xogar coa linguaxe.
Estirando as palabras ata o máximo, mesturando signos tipográficos que participan
nos poemas, creando composicións creativas coma caligramas ou simulacións de
ritmos musicais con onomatopeas, entre outras. Cabe destacar que a inspiración
principal para este libro de poemas reside na poesía experimental e nas vangardas
do século XX, pero coa pericia de adaptar estas ideas principais a un público infantil
onde o elemento lúdico destaca pola súa importancia.


Potencialidades educativas:
Con este libro pódese traballar a recuperación da tradición da poesía experimental,
xa que se pode ver que varias propostas do libro son variacións de prácticas
experimentais como fixeron moitos poetas do pasado. Amósaselles aos nenos e
nenas unha visión innovadora e unha concepción moi aberta do que é a poesía,
escapando da forma tradicional de escribir a poesía. Un gran punto a favor para
os máis pequenos é a mostra constante do xogo que fai o autor coas palabras. Dá
a entender que con elas se pode debuxar, crear música e ritmos sen instrumentos,
entre outras. Os poemas son un claro exemplo da liberdade creativa e de espontaneidade,
ademais potencia a imaxinación e creatividade dos lectores.

Recursos de interese:
HAI RECENSIÓN DESTA OBRA EN LIBROS GALEGOS E TAMÉN NO BLOG ELOS
Xogo online https://scratch.mit.edu/projects/92848953/

Ningún comentario:

Publicar un comentario