Quintero, Armando (2008), Caracol e formiga, ilust. André Letria, Pontevedra: OQO Editora, [23 pp.] (ISBN: 978-84-96788-80-0).
Breve descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de tipo narrativo de follas de cartón duras cos cantos redondeados, cunha dimensión de 16 x 17 cm. Na cuberta aparecen os protagonistas da historia sobre un fondo de cor salmón; por un lado, vemos a formiga, caracterizada cun casco amarelo de obra e unhas zapatillas brancas e, pola marxe dereita, asómanse, grandes e redondos, os ollos do caracol.
En canto ao seu ilustrador, André Letria, as súas ilustracións atópanse en páxinas de libros e xornais desde 1992. Ten libros en diferentes idiomas (inglés, italiano ou portugués). Gañou diversos premios polo seu traballo, como o Premio Nacional de Ilustración en 2000 ou o Premio de Excelencia en Ilustración, atribuído pola Society for News Design (EEUU). Dirixiu películas animadas e no 2010 creou a editorial Pato Lóxico. Este autor, neste álbum emprega diferentes tons pasteis e cores apagadas, cun formato bastante minimalista onde, sobre un fondo neutro de cor ocre ou salmón na maior parte das páxinas, só aparece o esencial. En canto ás ilustracións, son a dobre páxina e utilízanse elementos propios dos seres humanos, como zapatillas, un casco de obra ou un bigote para darlle un ton humorístico a toda a obra.
Tamén se utiliza diferentes planos para axudar a focalizar a atención naquilo que se está a describir no texto (A formiga vai rapidiña: só aparece o corpo da formiga; o caracol vai lento: só aparece a súa cabeza). As personaxes son moi expresivas e utilizan tanto partes da cara como do corpo para acompañar o que di o texto, como se mostra na seguinte imaxe:
En canto á tipografía, trátase dunha historia narrada en terceira persoa onde abundan os adxectivos, nomes e relacións temporais e espaciais, así como os diálogos entre os personaxes, que aparecen resaltados en negriña. En relación ao seu contido, trátase dunha historia onde dous amigos que van dando un paseo polo bosque ven un lago e, unha vez aló, aparece unha pomba, quen lles axudará a coñecer mellor a natureza e tamén a eles mesmos.
A historia comeza presentando os personaxes e as súas características, o Caracol que anda amodo coa súa casa ao lombo, e a Formiga, que vai rápida e lixeira coas súas patiñas, o que non lles impide estar sempre xuntos, como bos amigos. Un día que paseaban polo bosque, viron un lago e decidiron ir a bañarse. Cando chegaron á beira, puxéronse a discutir sobre quen tiña que probar primeiro a auga, cando, de súpeto, apareceu unha pomba e díxolles, - Pero vós que facedes? As formigas e os caracois non se bañan, e achegouse ao lago a beber. É entón cando a Formiga lle pregunta – Non tes medo dos crocodilos? –Isto non é un lago. Nos charcos non hai crocodilos- díxolle a pomba. Entón, caracol e formiga quedaron sentados na beira do “lago” vendo como se deitaba o sol no horizonte, onde, na marxe dereita, curiosamente, aparece un peixe saltando.
Potencialidades
É un conto fácil de entender xa que emprega palabras sinxelas onde abundan os diálogos, que axilizan o ritmo da narración.
Ao tratarse dun álbum ilustrado, tanto as imaxes coma o texto están complementados e facilitan a compresión da historia.
Trabállanse aspectos do currículo como son tamaños (grande, mediano e pequeno), posicións (arriba e abaixo), temperatura( frío ou quente) e velocidades (rápido ou lento).
Permite traballar o concepto do día fronte ao de noite (cando quedan mirando como se esconde o sol).
Achegamos aos nenos/as o coñecemento da nosa contorna natural máis próxima, tanto polos protagonistas, que son animais cos que seguro tiveron contacto algunha vez (formiga, caracol e pomba), coma polo elemento ao redor do que xira a historia, un “charco”.
Axuda a entender a importancia da amizade, neste caso, entre dous animais de razas diferentes (caracol e formiga) con características diferentes (un é rápido e o outro lento) que gozan da natureza en compañía.
Mostra como non todos vemos o mundo da mesmo xeito, senón que existen diferentes perspectivas ou puntos de vista (eles ven un lago porque son pequenos e non poden voar, pero a pomba, por ser máis grande e poder voar, sabe que é un charco), a pesar de que, ao final da historia, o autor debuxa a un peixe saltando, o que reflicte a subxectividade do que pode ver cada un de nós.
Posúe recursos en liña como é a adaptación con pictogramas e o vídeo do álbum ilustrado.
Podemos atopalo en diferentes idiomas, como o castelán ou o portugués.
Recursos:
- Conto en liña adaptado en versión dixital pola asociación Down Galicia, onde se narra a historia acompañada de pictogramas, o que facilita a súa comprensión e dá resposta á diversidade que podemos atopar nunha aula. Recuperado de http://www.downgalicia.org/educacion2/recursospri/adaptacions/Lectura%20comprensiva/Conto%20adaptado%20%20Caracol%20e%20formiga.pdf o 27 de febreiro do 2018
- Vídeo en rede do álbum producido pola editorial OQO Filmes: Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=ff6DbrB6asQ o 27 de febreiro do 2018.
Ningún comentario:
Publicar un comentario