Sandoval, Antonio (2017). A árbore da escola. Ilust. Emilio Urberuaga. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [34 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-259-6).
Descrición do formato e contido da
obra: estamos ante un
álbum ilustrado de carácter literario, no que as ilustracións e o texto se complementan mutuamente. De tapas duras e trinta e catro páxinas, ten unhas medidas de 22 x
22 cm. Na cuberta aparece o protagonista, Pedro, na porta do patio da escola
cunha árbore que está alí plantada e, na contracuberta, o muro da escola
continuando a imaxe da cuberta. Tanto na primeira coma na última garda aparece
a imaxe das pólas da árbore con moitas follas e un gato, do que non se fala en
toda a historia, pero que acentúa a riqueza visual, o humor e o simbolismo. Na
páxina de créditos están escritas dúas dedicatorias: unha por parte do autor e
outra por parte do ilustrador. Nas ilustracións destacan cores vivas como a cor
amarela, verde, azul e branca e están pintadas con témperas. Estas ilustracións
seguen unha disposición de continuidade, ocupando a historia toda a páxina.
Tanto a árbore coma os nenos e nenas da escola e a profesora están debuxados cun
rotulador negro que fai que resalten sobre o fondo (que é o muro do patio da
escola), así como o texto, de carácter moi breve e no que se distingue unha soa voz: a do/a narrador/a.
El/ela encárgase de presentar os personaxes e contar a historia de Pedro e a árbore plantada no
patio da escola. Este álbum vai dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos. Os temas que
se traballan neste conto son o traballo cooperativo, xa que todos os
compañeiros e compañeiras de Pedro o axudan a coidar da árbore, o valor do
coidado e o afecto, educación ambiental e a natureza.
No patio da
escola de Pedro había unha árbore pequena. A Pedro gustáballe moito e decidiu
coidala aínda que a mestra lle dixera que non debía tocala para que non se
estragase. Regouna, acariñouna, abrazouse a ela… E á árbore íanlle saíndo cada
vez máis follas e pólas novas. Un día, a árbore apareceu rodeada cun valado
para protexela, pero á semana seguinte medrara tanto que Pedro se quixo subir
ás pólas máis altas e explicoulle aos seus compañeiros que a árbore, para
medrar, necesitaba do agarimo de todos. Os compañeiros de Pedro quixeron axudar
á arbore a medrar plantándolle flores, colgando casiñas para paxaros, léndolle
poemas… A mestra quitou o valado e colgou unha randeeira para que os nenos
poideran xogar. Días despois, uns botánicos foron á escola para ver a árbore.
Pedro e os seus amigos construíron unha cabana entre as polas, onde apareceu
unha semente. Todos os membros da escola
estaban de acordo en enviar a semente da súa árbore a outra escola que non
tivera árbores, polo que a carteira a levou envolta en algodón a outra escola e
alí naceu a nova árbore.
Potencialidades educativas: a través deste libro pódese traballar o coidado, o afecto e o respecto pola natureza e a educación emocional a través do coidado, por parte de Pedro, da profesora e dos seus compañeiros e compañeiras da escola, dunha pequena planta. Outro tema do que se fai referencia no álbum é a educación ambiental e a necesidade de que os nenos e nenas entren en coidado coa natureza. Esta historia tamén pode ensinar o valor de compartir con outras persoas, xa que os compañeiros de Pedro, a mestra e el mesmo lle envían a outra escola unha semente para que teñan a súa propia árbore e que a poidan disfrutar tanto coma eles. O que se lle debe transmitir aos nenos e nenas a través da lectura deste libro é que se debe coidar a natureza porque pode darnos moitas cousas boas, e que se debe compartir esas cousas boas coas persoas que están ao noso redor. O libro está escrito en galego e traducido ao castelán, catalán, euskera e portugués, polo que é un recurso que se pode atopar en calquera lugar do país.
Recursos en liña.
Reseña feita por unha nai e a súa filla Naiara "Mamá y naiara leemos Libros infantiles': https://www.youtube.com/watch?v=WkHLB7TIQHU (consultado o 28 de febreiro do 2018).
Reseña infantil sobre ‘el árbol de la escuela’ de Booktubers Makuj: https://www.youtube.com/watch?v=mmsGZC49AWo (consultado o 28 de febreiro de 2018).
Teatro ‘El árbol de la escuela’ de alumnos e alumnas de infantil: https://www.youtube.com/watch?v=xBnSoRpmJ6g (consultado o 28 de febreiro do 2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario