luns, 5 de marzo de 2018

O tigre que veu tomar o té


Kerr, Judith (2010). O tigre que veu tomar o té. Ilust. da autora, trad. Xosé Manuel González. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-738-6). 

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado cun formato rectangular (22cm x 28cm). A cuberta e contracuberta é de cartón duro, o que favorece a manipulación e experimentación por parte dos nenos e nenas. A cuberta amosa aos dous personaxes principais realizando unha acción que nos suxire a trama da historia e que ademais dá nome ao conto. As imaxes aparecen sempre sobre un fondo branco, o que destaca as coloridas ilustracións, que son de estilo clásico e figurativo e maioritariamente representan escenas da vida cotiá. 
A historia trata sobre unha nena chamada Sofía que vai tomar té coa súa nai na casa. De súpeto chaman á porta e ao abrir resulta ser un famento e sedento tigre, convídano a pasar e ofrécenlle diversas bebidas e alimentos que vai devorando un tras outro ata rematar con todo o que había na casa. Tempo despois chega o pai da nena, e tanto Sofía como súa nai contáronlle o acontecido, o pai suxire ir a cear a un restaurante. Ao día seguinte Sofía e a súa nai foron á compra para encher a despensa e tamén compraron unha lata enorme de comida para tigres por se algún día volvía. 

Potencialidades educativas: este libro sérvenos para que os nenos e nenas sintan curiosidade por coñecer máis sobre os animais salvaxes. O tigre aparece humanizado xa que ten a capacidade de falar, Sofía representa a unha nena amable e agarimosa, disposta a axudar ao sedento e famento tigre, o que nos pode servir de base para traballar estes valores cos nenos e nenas. Este libro tamén nos permite traballar a diversidade, xa que Sofía lonxe de ter medo de atoparse cun ser diferente, trátao como un igual. Ao mesmo tempo, as nenos e nenas aumentan o seu vocabulario sobre os alimentos xa que se van enumerando todos aqueles que o tigre vai bebendo ou comendo. Este conto permítenos tamén afondar na cultura inglesa e nos seus costumes, do mesmo xeito, o conto amosa o estereotipo de nai que se encarga da casa e o pai que traballa (non existe a igualdade de xénero), pero pódenos servir de base para traballar cos nenos e nenas sobre este tema e ensinarlles como evolucionaron as relacións sociais e familiares ata o día de hoxe, xa que o conto sitúase nun momento histórico do pasado. 

Recursos de interese

Ningún comentario:

Publicar un comentario