xoves, 15 de marzo de 2018

¿Que contan as ovellas para durmir?


Da Silva, Kiko (2004). ¿Que contan as ovellas para durmir?. Ilust. Fausto Isorna. Vigo: Editorial Galaxia, col. Árbore, [28 pp] , (ISBN: 84-8288-723-8).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de textos moi sinxelos e de fácil comprensión pola suxestivas ilustracións en tons escuros de distintos tipos e polas súas estruturas paralelísticas e acumulativas que fan amena a lectura (ex. “Non che sei contestar, eu conto ovellas para soñar.”). Ten as tapas de cartón, de tamaño 19x16 cm e na cuberta, ademais do nome da autor e a colección, aparece a ovella protagonista da historia. Bee, unha ovella branca dentro dun rabaño de ovellas negras, toma como referencia a fórmula de contar ovellas pola noite para tentar pescudar que contan elas cando non poden durmir. Comeza contando exemplares dos animais aos que lles pregunta, pero iso non lle dá resultado. Hai un cambio na técnica ilustrativa cando conta ditos animais, e tamén no final da historia, pois o autor emprega a luz branca do día, en contraposición coa noite, e fotomontaxes con diversos materiais. Os nenos e nenas sosprenderanse cando descubran que o que contan as ovellas son… atletas.

Potencialidades educativas:  con este conto os nenos e nenas, ademais de familiarizarse cos sons dos animais que aparecen na historia, favorecen a súa memorización tanto das frases coma dos números (“A sete pasos máis un…”) grazas á súa estrutura acumulativa. Ademais disto, a cada animal atribúeselle unha acción diferente que lle dá un toque de realismo (ex. o sapo mentres fala mastiga unha mosca) e unha cor á súa onomatopea (ex. a do sapo é verde, a do león é laranxa). As diferentes ilustracións fan que as páxinas sexan moito máis interesantes porque cada elemento que aparece ten unha técnica ilustrativa diferente. Tamén podemos traballar á diversidade, posto que Bee é unha ovella diferente no seu rabaño e non se sente de todo incluída, porén non ten ningún problema para comunicarse cos outros animais que se atopa e ao final acaba mantendo certa amizade con eles.
Esta historia pode axudar aos nenos e nenas a durmir, xa que podemos xogar con eles/as a que elixan un animal que lles guste para contar logo de narrarlles a historia.

Recursos de interese:

- CEIP Plurilingüe Graxal – Cambre (A Coruña), resumo do conto Que contan as ovellas para durmir?  no blog do colexio. http://blogs.prensaescuela.es/sorrisosdecaramelo/2010/03/09/ (consultado o 06/03/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario