mércores, 14 de marzo de 2018

Por qué, mamá?


Van  Genechten, Guido. (2005). ¿Por qué, mamá?, Ilust. do autor, trad., Agustín Gervás Sánchez.Zaragoza: Edelvives, [12 pp.]. (ISBN: 84-263-5926-4).

Descrición do formato e contido da obra:  libro pop-up de 25cm x 25cm, con forma cadrada e encadernado con tapa dura. Na cuberta pódese visualizar a mamá oso e ao seu fillo. O título aparece na parte superior dereita, sendo maior o tamaño da palabra mamá, dando a entender que é o máis significativo. En canto ao nome do autor, atópase na marxe inferior esquerda. A contracuberta mostra os datos máis relevantes da obra, como son nome do autor, editorial, data e lugar de edición, entre outros. A obra consta de 12 páxinas nas que o texto e as ilustracións van mudando de lugar en cada unha das páxinas. As ilustracións son a dobre páxina con debuxos sinxelos do osiño e a súa nai en diferentes situacións, sendo fieis á realidade. Emprégase a técnica pop-up para dotalas de movemento, o que fai que sexan máis atractivas, á vez que  as cores empregadas son cálidas.
O texto está formado por  frases moi curtas, o que lle dá  maior relevancia ás ilustracións. A obra relata a historia dun osiño que sabe moitas cousas: onde se esconden os peixes máis deliciosos e como pescalos, como deslizarse por unha ladeira sen mancarse etc. Malia todo, faille unha morea de preguntas á súa nai porque non comprende algunhas cousas, como por exemplo de onde vén a neve. Ao final da obra, demostra que a resposta á pregunta máis importante si que a sabe: sabe que a súa nai o quere moito porque é o seu fillo.

Potencialidades educativas:  con este libro pódese traballar o amor e o cariño que existe entre as nais e os fillos e, en xeral, entre os membros dunha familia. O álbum propicia a reflexión sobre a afectividade, as relacións intrafamiliares e a relevancia que teñen nas nosas vidas as persoas que forman parte dos nosos círculos afectivos, nos que nos desenvolvemos e sentimos protexidos. Compartir e verbalizar os afectos é un aspecto fundamental na infancia, así como coñecer as familias e os diferentes tipos de relacións sociais que establecemos a medida que medramos. Compartir estes referentes e a importancia que teñen na nosa vida é unha forma de valorar o seu afecto e protección, ao igual que ocorre ao longo da lectura do álbum. Así mesmo, a través do conto poderáselles ensinar a que perdan o medo de preguntar todo aquilo que se lles pase pola cabeza sen temor ao que lles poidan contestar, fomentando a súa curiosidade e espírito crítico.

Recursos:
·         Vídeo realizado por Héctor Ugalde https://www.youtube.com/watch?v=XjHsdf7ZUUQ
Data de consulta 27 de Febreiro de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario