mércores, 14 de marzo de 2018

Nadarín



Lionni, Leo (2007), Nadarín, ilust.do autor, trad. Xosé Manuel González Barreiro. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [30 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-628-0). 

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de formato rectangular (22 x 27,5 cm.). Posúe unha cuberta e contracuberta de cartón duro para favorecer a manipulación por parte dos nenos e nenas. A cuberta fainos intuír como serán as ilustracións que atoparemos ao longo de todo o volume. Trátase de imaxes que semellan estar pintadas con acuarelas e onde predominan as cores azuis, verdes, grises e vermellas fundamentalmente. Son ilustracións que chaman a atención e convidan a deterse minutos observando cada un dos detalles presentes. Así mesmo, as imaxes reforzan e clarifican o que se narra no texto, facilitando a interpretación do conto. 
Este conto relata a historia dun peixe chamado Nadarín que se atopaba nadando cos seus irmáns e irmás. Un mal día, apareceu un atún rabioso e moi famento que dun bocado tragou a todos os peixiños vermellos, só Nadarín deu fuxido cara ás profundidades xa que nadaba moi ben. Agora estaba só, triste e asustado, pero pouco a pouco Nadarín volveu ser feliz porque vai nadando polo mar e atopándose con fermosas criaturas (unha auga mar, unha lagosta, estraños peixes, un bosque de algas, unha anguía, anemones...). Agochado entre as rochas e as algas atopou un banco de peixes igualiños a el e ofreceulles nadar, xogar e ver cousas con el. Non obstante os peixes rexeitaron a súa invitación xa que tiñan medo de que o gran peixe os comera. Nadarín convénceos para nadar todos xuntos como se fosen o peixe máis grande do mar e el sería o ollo e cando atoparon ao gran peixe escorrentárono. 

Potencialidades educativas: este libro sérvenos para traballar cos nenos e nenas o tema do mar, ampliando vocabulario, aprendendo que animais viven aí, como son, que comen, como se moven... Pero sobre todo este libro permítenos traballar o concepto de amizade, cooperación, a superación de medos ou a diversidade. No conto ponse de relevo que ser diferente non é negativo senón que o feito de ser diferentes nos fai a cada un de nós especiais, cada un temos as nosas propias virtudes e fortalezas que permiten enriquecernos os uns aos outros. Tamén amosa que a unión fai a forza e non sempre os “pequenos/as” teñen que temer aos “grandes”. Outro aspecto a traballar con este libro é a educación artística, xa que o uso de acuarelas permítenos propoñer actividades deste tipo para favorecer a expresión e a creatividade dos máis pequenos. Ademais, outra forma de traballar a creatividade sería a través dun teatro de sombras, xa que facilita a interpretación do conto ao xogar cos diferentes tamaños dos peixes. 


Recursos de interese: 

1 comentario:

  1. O meu grupo (Antía, Uxía, Laura, Ilenia, Iria) e máis eu queremos dar a coñecer a nosa opinión sobre este libro.
    Fixámonos neste libro xa que ten moita relación co tema que escollemos. Consideramos que este libro trata temas de moita importancia na educación infantil como son a superación dos medos, a importancia da amizade, a relación co entorno e a diversidade. Cremos que tamén resalta a importancia de non xulgar polo aspecto físico, xa que ao xuntarse todos os peixes pequenos puideron asustar o peixe grande.

    ResponderEliminar