venres, 2 de marzo de 2018

¡Porque te quero tanto!





Van Genechten, Guido (2003). ¡Porque te quero tanto!, ilust. Clavis, trad. Xosé A. Neira Cruz, Zaragoza: Edelvives, (0-6 anos), [28 pp.]. (ISBN: 84-263-4970-6).


 Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de formato rectangular (33x24 cm), de gran tamaño e tapa dura. Na cuberta observamos unha imaxe dunha nai osa e o seu fillo, de textura suave, dándose un bico sobre un fondo de cor azul ceo e caéndolles a neve. Enriba deles, o título aparece en letra grande e entre exclamacións (¡Porque te quero tanto!). Na contracuberta aparece o osiño na parte inferior, que está dentro dun círculo branco debuxando nun papel un corazón, e un breve resumo do contido da obra na parte superior. Nas gardas aparecen diversos debuxos do osiño facendo diferentes accións, nubes azuis e corazóns, todo sobre un fondo branco. No interior do libro as páxinas son grosas e as ilustracións son orixinais, de gran tamaño e  predominan as cores brancas e azuis. Os textos son sinxelos, breves e de cor negra situados nas páxinas pares. Algúns aparecen na parte superior e outros na parte inferior. A textura que convida a acariciar ou sentir o tacto do protagonista é veludo.
A historia recrea o proceso de aprendizaxe do osiño protagonista, que aínda que sabía moitas cousas, había outras que non comprendía ben. Por iso lle preguntaba á súa nai, como por exemplo de onde sae a neve. Porén, a resposta máis importante si que a sabía: o amor que sente a súa nai por el.

Pontencialidades: atopámonos ante unha obra que trata diferentes temas de interese (amor, familia, neve, texturas etc), coa cal os nenos e nenas poden interaccionar. O que se pode traballar con ela son: as inquietudes que teñen as crianzas, representadas a través das diversas preguntas que fai o osiño. Desta forma, os cativos e cativas poderán comprender que cada día ten novas aprendizaxes e que facer preguntas é a mellor forma para descubrilas. Tamén a importancia do amor entre os membros da familia especialmente en idades temperás, a pesar de que non saberán responder a todas as preguntas, farán todo o posible por axudar aos cativos e cativas a elaborar da mellor forma posible a construción do mundo que os rodea. Outros temas que se pode traballar co conto son as texturas, xa que constantemente se pode tocar o osiño que está moi suave, para así desenvolver o sentido do tacto. Tamén se poden abordar fenómenos metereolóxicos como a neve e fomentar o emprego e aprendizaxe da nosa lingua.

Recursos de interese:
Iglesias, A. (2017). ¡Porque te quero tanto! Primeiras lecturas. Recuperado de: https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/search?q=porque+te+quero+tanto
(consultado o 28/02/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario