luns, 5 de marzo de 2018

O señor mago e a folla


Núñez, Toño (2005). O señor mago e a folla. Suso Cubeiro. A Coruña: Everest, col. Montaña Encantada, [47 pp.], (ISBN: 84-403-0395-5).
Descrición do formato e contido da obra: este libro ilustrado presenta un texto de tipografía de gran tamaño, sinxela e clara, para que os nenos non teñan dificultades ao ler. Está disposto de maneira que por cada parella de páxinas, só hai texto nunha delas. Ademais, a cor empregada é o negro, mentres que a cor do fondo é branco, polo que chama moito a atención. As ilustracións son especialmente orixinais e coloridas. O protagonista vive no rural galego e a historia está ambientada no outono, polo que podemos observar especies autóctonas tanto vexetais coma animais. Estas aparecen recollidas ao final do libro na “Galería dos bichiños”, onde cada animal está nomeado ao lado do seu debuxo.


En canto ao contido, o libro conta a historia de Antón, un vello mago que vive só. Un día, volvendo de pasear ás ovellas, atopouse cunha folla no chan que lle chamou especialmente a atención, pareceulle máxica, polo que decidiu levala con el. Cando chegou a casa, colleu a folla, lavouna e secouna, e mentres facía iso pensou que podería convertela nunha meniña que o quixese e que o puidera coidar cando enfermase. Chegada a noite, debuxou unha nena na folla, gardouna toda a noite na caixa dos desexos e, coa axuda da súa maxia, ao día seguinte atopouse co que tanto desexara: unha meniña que o chamou papá.

Potencialidades educativas: este libro pode ser una boa maneira de que os nenos melloren a súa relación coa natureza e o medio rural galego, sentindo curiosidade e ilusión por eles a través da historia e das imaxes que lles proporciona o conto, incidindo especialmente nos animais que aparecen recollidos e nomeados ao final do libro. Isto último poderia aproveitarse para traballar con eles na aula, reforzando a aprendizaxe das especies autóctonas. Por outra banda, a relación afectiva que teñan cos seus proxenitores poderá verse reforzada, xa que o libro mostra o importante que é ter a alguén ao noso carón que nos queira e nos coide cando o precisamos.

Recursos en liña: para gozar do conto dunha maneira diferente son interesantes os seguintes videos:

Ningún comentario:

Publicar un comentario