venres, 30 de marzo de 2018

O pintor de flores








Fariña, Anxo (2017). O pintor de flores. Ilust. do autor. Galicia: Edicións Xerais de Galicia, col. Gliz o pastor de nubes, [24 pp], (ISBN:978-84-9121-283-6).


Breve descrición do formato e contido: este é un álbum ilustrado de cartoné de tamaño pequeno (16x16cm) polo que é facilmente manipulable para os nenos. Na cuberta aparece o protagonista, Gliz, pintando as flores coa axuda dos seus amigos, feito que nos fai deducir o asunto da historia. Na contracuberta podemos ver outros títulos da colección. En canto ás gardas, aportan a posibilidade de que o neno debuxe e pinte nelas elementos relacionados coa historia. Ademais, a última páxina é un xogo de discriminación visual.

No interior, a modo de acoutacións no teatro, preséntase a todos os personaxes da familia Nube (Nubenai, Nubepai, Nuba, Nubo e Nubebebé) e a Gliz, e na seguinte páxina explícanos como este último coida deles (failles a comida, dálles menciñas cando están enfermas, lelles contos cando van para a cama…). As ilustracións son a dobre páxina, coloradas e con debuxos ben definidos cun certo carácter infantil. O texto combina diálogo con narración e inclúe onomatopeas, que se destacan aumentando o tamaño das letras e o seu formato para darlle maior relevancia.

A trama da historia iníciase con Matís, o pintor de flores, cando tras pintar unha florboreta, cae e manca a súa man dereita e non pode pintar, polo que necesita a axuda dos seus amigos. A pesar de ser noite, todos aceptan colaborar para rematar antes e póñense a pintar e a mesturar as diferentes cores para crear outras novas como a cor verde, a laranxa, a violeta… Uns encárganse das nubes máis pequenas, outros das medianas e Gliz das grandes. Máis ninguén salvo Matís lle chegaba ás florboretas, polo que se lles ocorre que Matís utilice os seus longos brazos para suxeitalas e que Nubenai poidese pintalas. Tras conseguir pintar todas as nubes e florboretas, todos quedaron durmidos.






Potencialidades educativas: a partir de divertidos xogos (como o de atopar as florboretas que se agochan na imaxe) esta obra permítenos traballar a discriminación visual, a discriminación figura-fondo e o desenvolvemento do motricidade fina cos debuxos que aparecen para colorear ou debuxar nas gardas. Na historia aparece un personaxe chamado Matís, o pintor de flores, que é unha chiscadela cara a figura do pintor francés Matisse, polo que estamos a introducir conceptos culturais e artísticos cos que familiarizar aos máis novos a través do ludismo e da imaxinación.

Tamén potenciamos o valor da amizade, de axudarnos uns aos outros cando o necesitamos e de acudir aos demais en busca de axuda.


Recursos de interese:




Ningún comentario:

Publicar un comentario