venres, 30 de marzo de 2018

El Patito Feo



Libsa (2004). El Patito Feo. Madrid: Libsa, col Quita y Pon. [14 pp.]. (ISBN: 84-662-1081-4).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de pouco volume en formato rectangular (27x20 cm), de cantos redondeados. As páxinas son de cartón duro a excepción da cuberta que ten un tacto brando. Na portada podemos observar, a través dunha ventá que amosa a páxina seguinte, ao personaxe principal da historia que é o patiño e os diferentes animais do bosque. É un libro que contén solapas e personaxes que se poden mover dunha páxina para a outra pegándoos con velcro, polo que se mantén esta mesma estrutura en todas as súas páxinas. En canto ás ilustracións, estas ocupan a totalidade das páxinas e representan de forma gráfica o que di o texto. Trátase de imaxes animadas e con cores moi vivos ou brillantes co obxectivo de chamar a atención do/a lector/a. En canto ao texto, ademais de narrar a historia tamén se fan unha serie de preguntas coas que se incita a interactuar co libro.


Ao longo das súas páxinas cóntase a historia de Bruno, un patiño que era de distinta cor cós seus irmáns. Por este motivo, tanto eles coma os demais animais burlábanse del e decidiu abandonar o lugar onde se encontraba. Ao día seguinte atopou outra granxa e pronto se fixo amigo dos animais da zona que o axudaron e o trataron con moito agarimo. Co paso do tempo, Bruno fíxose maior e decatouse de que se convertera nun precioso cisne e deixara de ser o patiño que algúns consideraban feo.
A historia é unha adaptación do conto popular escrito por Hans Christian Andersen, que foi un escritor e poeta danés famoso polos seus contos infantís, entre os que podemos destacar La sirenita, La reina de las nieves e o previamente mencionado. Dito conto publicouse por primeira vez o 11 de novembro de 1843 e foi incluído na colección de Nuevos Cuentos de Andersen en 1844.

Pontencialidades educativas: trátase dun libro interactivo co que os/as nenos/as gozan abrindo as ventás, vendo e tocando os hologramas e movendo os personaxes de páxina en páxina para construír a súa propia historia e divertíndose xogando. A través da dramatización, o/a neno/a experimentará con ideas e con sentimentos e os diversos personaxes axudaranlles no desenvolvemento da linguaxe e da imaxinación. Ademais, incita ao lector/a a descubrir o que se agocha debaixo de cada solapa con mensaxes como: “¡Descubre quién espera a los patitos en el agua!” cos que se fomenta a motivación por seguir lendo e interactuando co libro. O conto sérvenos para traballar contidos moi importantes a desenvolver dende idades moi temperás como o é a tolerancia, o respecto, a compaixón, a inxustiza, o rexeitamento, etc., potenciando a autoestima dos/as nenos/as. Ademais, axúdanos a comprender que as diferenzas non teñen por que ser defectos senón que poderían ser cualidades que nun futuro poden chegar a ser moi especiais. Tamén se traballa o tema da diversidade, tratando de concienciarnos de que todos/as somos diferentes e non por iso temos que rirnos dos demais. Neste punto, destacamos a importancia da amizade xa que, como se mostra no libro, a pesar das diferenzas existentes entre os animais da nova granxa, estes decidiron axudarlle ao patiño en todo o que precisase. Pódenos servir para aprender a situarnos na pel dos outros e comprender como se senten, chegando á conclusión de que se a ti non che gustaría que che fixesen o mesmo ti non llo fagas ás outras persoas. Finalmente, podemos encontrar diversos recursos en liña de especial interese.

Recursos de interese: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario