sábado, 31 de marzo de 2018

Aurelio



Rubio, Antonio (2016). Aurelio. Ilust. Federico Fernández. Pontevedra: Kalandraka, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-263-3).

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado que conforma un abecedario de marcado carácter poético e en lingua castelá. Pon en contacto esta estrutura poética cunha visión literaria e plástica. Realizado en cartoné, con tapas duras e bordes redondeados, ten unhas dimensións de 19x19 cm. O protagonista deste libro é un inquieto morcego que se chama Aurelio. Ambas as palabras conteñen as cinco vogais. Comeza con palabras curtas, aquelas que conteñen unha soa vogal, pero vai aumentando de forma sonora coas súas rimas o número de vogais que podes ir unindo para formar palabras máis grandes. Dende o A ata o U, o autor constrúe palabras en pequenas poesías para que os máis cativos se familiaricen co uso das vogais. As ilustracións son moi coloridas e contribúen a crear semellanzas entre os debuxos de obxectos cotiáns e as  letras que o conforman, fomentando así o interese dos cativos sobre os debuxos, para que encontren as vogais e as relacionen co obxecto ilustrado.

Potencialidades: este álbum permite traballar múltiples aspectos que inciden na adquisición da linguaxe. A construción poética asenta no son das vogais, na recreación de formas e na composición de palabras, que van progresivamente graduando a dificultade, dende as monosílabas ata as trisílabas. Salienta tamén a recreación visual nas propias ilustracións, que integran as vogais como un elemento icónico máis, o que redunda no recoñecemento visual das súas formas para os nenos e nenas que están a se familiarizar con estes elementos do abecedario. Salienta a perspectiva lúdica e os diferentes xogos sonoros e visuais que se recrean ao longo da obra, que lle dan vida ás letras e integran elementos figurativos marcados polo humor e o estilo marcadamente persoal de Óscar Villán.  

Recursos:
É de gran interese revisar outra obra deste autor pola intratextualidade que ten coa presente.
  • Rubio, Antonio (2014). Violín. Ilust. Óscar Villán, trad. Manuela Rodríguez.  Pontevedra: Kalandraka, col. Do berce á lúa, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-855-0).

Ningún comentario:

Publicar un comentario