sábado, 31 de marzo de 2018

A fiestra dos soños



Boquete, Manuel (2018). A fiestra dos soños. Ilust do autor. Vigo: Galaxia, [ 24 pp.]. (ISBN: 978-84-9151-079-6). Libro acompañado por CD.

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de marcado carácter lírico, que pon en contacto aos máis novos coa estrutura poética dende unha visión musical, literaria e plástica. Encadernado en cartoné de tamaño rectangular (24x21cm) e tapas duras, os seus textos implican  unha esixencia por parte do lector pouco habituado á poesía, obsequiándonos cunhas ilustracións de tipo figurativo, alegres e coloridas, pintadas en acuarela. O contido deste texto vai acorde coas imaxes que amplían os contidos. Consta de 13 poemas acompañados de música. Todos os elementos que aparecen no libro están presentes no contorno diario dos nenos e das nenas, o que favorece o recoñecemento e a identificación con eles. Nalgúns casos o retrouso das composicións está en cor vermella e noutros en laranxa, o que permite identificalo para acompañar o ritmo das cancións e poder repetir estes versos. Algunhas das composicións presentan  versos longos, mentres que outras son máis curtas, o que incide no ritmo de cada poema, nuns casos máis demorado,noutros mais rápido.

Potencialidades: con esta obra pódese traballar a poesía, a música, o ritmo e a rima dende moi tenra infancia. As imaxes coloristas e de marcado ton infantil contribúen a interesarse polo seu contido aos máis pequenos, ao tratar cuestións como a imaxinación, a creatividade, o ludismo e as ganas de aprender, aspectos que xa se intúen polo propio título, que anuncia a entrada ao mundo dos soños. Con esta e outras obras da colección “sonárbore” a editorial Galaxia pon en mans dos docentes e os mediadores unhas ferramentas imprescindibles para  coñecer e valorar o traballo das distintas agrupacións musicais que compoñen en Galica para a infancia.

Recursos:
É de gran interese para os mediadores consultar os seguintes libros:
  • Blanco, Magin e Senlle, Uxía (2015). Canta o cuco. Ilust. Leandro Lamas. Vigo: Galaxia, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-648-0 ). Libro acompañado por CD.

  • Uxía (2013). Rosalía pequeniña. Ilust. Marina Seoane. Vigo: Editorial Galaxia, col. Sonárbore, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-484-4). Libro acompañado por CD.

Ningún comentario:

Publicar un comentario