sábado, 31 de marzo de 2018

Sal e Azucre





Prieto, Iván (adapt.) (2006). Sal e Azucre. Ilustr. Ivan Prieto. Pontevedra: OQO Editora, col. O (36 pp.) (ISBN: 84.96573.07.9).

Breve descrición do formato e contido da obra: adaptación e ilustracións por Iván Prieto a partir dun conto popular grego, que perdura máis aló do tempo e da xeografía. O conto presenta un formato cuadrangular, de tapa dura (25,4 x 24,1 cm). A obra está recomendada para o lectorado de 5 anos ou mais. Os protagonistas son dúas figuras humanas representadas mediante imaxes de esculturas de arxila en tres dimensións, cargadas de realidade e fóra de calquera estereotipo, todo ambientado nunha contorna minimalista. O autor utiliza imaxes a dobre páxina que axuda a seguir a lectura, ademais chama a atención o ben que representa o día a día nunha relación e as súas dificultades, ademais dos sentimentos que provocan nos protagonistas. As tonalidades do fondo van da man da situación, con cores máis vermellas nos momentos de tensión e tons máis verdes cando o ambiente é máis relaxado. Dende o punto de vista do contido, a historia conta o día a día dunha parella de velliños, ela era toda de sal e el era todo de azucre, vivían ao pé dunha montaña nunha casiña de sal e aínda que había días que se querían moito, outros non paraban de discutir…

Potencialidades: esta obra sérvenos para achegar o alumnado á parte menos idílica da convivencia no fogar, como os diferentes caracteres na parella, os desencontros e os sentimentos que provocan estes antes e despois da separación. Tamén podemos fomentar a comprensión e o respecto e danos a posibilidade de ofrecerlle estratexias (pedir perdón, escoitar...) para solucionar as diferenzas de forma ser, xa que ninguén quere estar sempre só.

Recurso en liña:
Versión en stop-motion do conto: Televisión de Galicia (2012). Os contos do camiño. Sal e azucre. Recuperado de: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/contos-do-camino-capitulo-24-sal-e-azucre-1

Feito por: Chema Rivero


Ningún comentario:

Publicar un comentario