luns, 5 de marzo de 2018

O Coelliño Branco


Ballesteros, Xosé (adapt.) (2007). O coelliño branco. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, col.
Os contos do trasno, [25 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-548-1).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma cadrada de 22x22 cm de tipo narrativo. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura, encadernado en cartoné. Na cuberta aparece o título en letras minúsculas e brancas sobre un fondo violeta. Debaixo do título aparece o coelliño branco, protagonista da nosa historia, portando unha bolsa baleira. Ademais, o coelliño branco preséntase mirando cara á esquerda do libro, o que nos incita a mirar a contracuberta, onde podemos atopar á formiga do revés dándonos unha pista de que será importante na historia. Nas primeiras gardas móstranse, nun fondo gris, as orellas do coelliño enroscadas como unha cenefa; nas últimas, aparecen tamén nun fondo gris as catro patas da formiga. Na portada atópase o título do conto, a adaptación e o coelliño branco portando a mesma bolsa, pero desta vez chea de coles. As ilustracións son de tipo figurativo, posto que representan a realidade. Os animais están presentados de forma humanizada. As cores son vivas e semellan estar pintadas con pincel e témperas, todas elas sobre o mesmo fondo violeta que aparecía nas cubertas e na portada.
Trátase dunha adaptación a partir dun conto popular no que o protagonista se sitúa nunha vila onde se desenvolve a trama. O coelliño branco precisa axuda para volver á súa casa despois de que a Cabra Cabresa a invadira aproveitando a súa ausencia cando foi buscar coles. O coelliño, preocupado, solicita axuda de diversos compañeiros animais para poder regresar, ata que consegue que a formiga sexa a única que o faga. A lectura está acompañada dun narrador e das voces en forma de diálogo dos diferentes animais. Respecto ao texto, este aparece situado en diferentes zonas do conto na páxina dereita, na esquerda ou en ambas. Caracterízase pola presenza de rimas que dan musicalidade á lectura, ademais de contar con repeticións e un retrouso que emiten os distintos animais: “eu non, eu non vou, que teño medo”. Por outro lado, hai tres personaxes que non axudan ao coelliño branco e só o  cuarto é o que rompe esta cadea, a formiga.

Potencialidades educativas: un aspecto que se pode  potenciar a través deste conto é a solidariedade e a axuda. Ademais, queda moi claro que o importante non é o tamaño, xa que é a formiga (o animal máis pequeno) e a que axuda ao coelliño. Este álbum permite a familiarización con algúns animais: coello, cabra, boi, can, galo e formiga. Ademais, os nenos poden iniciarse nas rimas e na musicalidade que poden formar as palabras.
Por outro lado, é un conto traducido a diferentes linguas tales como o portugués castelán, éuscaro, catalán, inglés e italiano. Nos idiomas aos que foi  traducido recibiu diferentes premios e mencións:
Plan nacional de lectura (PNL Portugal)
Premio Nacional de Ilustración - 1999
Os mellores libros (Banco do libro de Venezuela) - 1999
Programa nacional de lectura (SEP México) - 2002
Premio legambiente (Italia) - 2010
Programa nati per leggere (Italia) - 2012


Recursos de interese:
- Adaptación en pictogramas por Baión Asociación Tratamiento del autista:
Ballesteros, Xosé (adapt.) (2004). El conejo Blanco. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka,
col. Makakiños,[25 pp.].(ISBN:978-84-8464-235-0).

- Contacontos:
Garatuxa (12/2012). “O coelliño branco”. En Contos Garatuxa http://contosgaratuxa.blogspot.com.es/2011/12/o-coellino-branco.html (Consultado o 19/02/2018)

-Ficha técnica da editorial:
Kalandraka: O coelliño branco http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/O-coellinho-branco-G_02.pdf (Consultado o 17/02/2018)

- Historia contada por unha nena:
Kuenta Libros (31/05/2012): O coelliño branco https://www.youtube.com/watch?v=6bwK-pFqsWI (Consultado o 20/02/2018)

- Reseña do conto no blog de Primeiras Lecturas:
Iglesias Rodríguez, Aloia (2017). "O coelliño branco". En Primeiras Lecturas https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/search?q=o+coelli%C3%B1o+branco. (Consultado o 09/03/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario