mércores, 7 de marzo de 2018

Mi amor




Desbordes, A. (2016). Mi amor. Ilustr. Pauline Martin, Trad. Esther Rubio Muñoz. Girona: Kókinos, [44 pp.]. (ISBN: 978-8416126521).

Breve descrición do formato e contido: Mi amor é un álbum ilustrado de tapa dura publicado pola editorial Kókinos no ano 2016. Na cuberta aparece a imaxe dunha muller e un neno compartindo miradas na praia, mentres ao lonxe se pode ver un barco. Na contracuberta observamos un barco pirata navegando no mar que ten relación coa figura do neno vestido de pirata. Ao abrir o libro, as gardas son totalmente azuis, igual cá cor da auga da praia na que se atopan nai e fillo da cuberta. A portada ensina a nai poñendo o pixama ao seu fillo, isto ten continuación coa primeira imaxe que abre a historia onde se aprecia o mesmo neno metido xa na cama. 
As imaxes son realistas, aparece unha efixie por cada folla e salienta a combinación de cores frías e cálidas, que están asociadas a roupa ou caracteres físicos dos protagonistas. As ilustracións están coidadas e son sinxelas, dan a sensación de que están coloreadas a lapis e reflicten o que se describe no texto. Na última folla obsérvase fotogramas do neno en diferentes situacións da vida que transmite diversión ao lector. Son de salientar  algúns símbolos dentro do conto como é a árbore degrañándose que simboliza o paso do tempo ou o pequeno Archibaldo facendo cousas de adulto vestido de director de orquestra. A linguaxe é sinxela, utiliza oracións simples e doadas que suscitan a recreación do conto nas cabezas dos pequenos. Tamén é significativa a contraposición daqueles momentos de felicidade no que é doado amar, fronte a outros nos que o amor xorde de maneira indirecta.
Os protagonistas principais son nai e o fillo, mentres que o pai aparece nun segundo plano e en contadas ocasións. A nai é quen narra a historia en primeira persoa. A obra  está dispoñible noutros idiomas como francés, inglés e galego.

Potencialidades educativas: este libro ilustrado permítenos traballar os vínculos afectivos entre nais e fillos, para explicarlles que o amor aparece implícito en todas as accións cotiás da vida e darlles seguridade, ademais de para cultivar a sensbilidade. É unha obra recomendada para nenos/as de 3 anos de idade en adiante. A temática é moi acaída para traballar a familia, especialmente en efemérides como o Día da Nai, ou os vínculos afectivos do noso contorno. 

Recursos de interese:

Ningún comentario:

Publicar un comentario