Cerro, Miguel (2015). Despois da chuvia. Ilust. do autor, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-968-7).
Despois da chuvia é un album narrativo en galego gañador do VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados no 2015. Este libro trata temas tan importantes como a cooperación, a necesidade de aceptación dentro dun grupo, a solidariedade ou os prexuízos.
Descrición do formato e contido: a historia agóchase tras unha cuberta e contracuberta de tapas duras que se unen amosando unha ilustración na que aparece o protagonista e que augura o que virá dentro da obra. Atopamos cores intensas que contrastan entre si no medio da escuridade ou na claridade do día. As ilustracións a dobre páxina acompañan e completan a linguaxe textual sinxela coa que se conta a historia. O libro tamén inclúe unha figura do raposo en cartón tal e como o representa o autor.
Dende o punto de vista do contido, o volume recolle como un tremendo diluvio cae sobre un bosque e obriga aos habitantes a sobrevivir nunha cova. Todos os animais deben colaborar para adaptarse á nova situación e conseguir auga e comida, pero ao raposo protagonista négaselle a oportunidade de contribuír e axudar o grupo. Sen que ninguén confíe nel, sorprende a todos e todas conseguindo algo moi desexado.
Potencialidades: ademais dunhas ilustracións fermosas, as diversas lecturas que se poden facer desta historia completan o álbum e permiten que se use con nenos e nenas desde curta idade ata outros maiores. Nunha lectura menos profunda podemos ver unha historia de sobrevivencia onde coñecer animais, funcións vitais ou a capacidade de adaptación grazas ao traballo colaborativo. Se imos máis aló podemos chegar a unha historia onde os prexuízos e os estereotipos impiden que un individuo se sinta cómodo e integrado nun grupo. O raposo, personaxe do que se debe desconfiar na literatura tradicional, racha coas ideas preconcibidas e demostra que non podemos xulgar a ninguén sen coñecelo. Tamén se pode traballar na aula a autoestima ou a soidade, protagonistas na obra. A lectura simbólica tamén nos remite cara a unha actualización/recreación do diluvio universal dende unha perspectiva infantil, o que contribúe a que os máis novos coñezan elementos da cosmovisión cristiá da nosa cultura de forma adecuada á súa comprensión.
Recursos en liña:
- Audioconto (en castelán): https://www.ivoox.com/audiocuento-despues-lluvia-miguel-cerro-audios-mp3_rf_15357842_1.html
O audioconto está subido á plataforma Ivoox pola librería online Los Libros de la Luciérnaga. Podedes consultar na súa web información sobre libros educativos e centrados na infancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario