martes, 6 de marzo de 2018

Eu non fun!





Voltz, Christian (2001). Eu non fun! Ilust. do autor, traduc. Xosé Manuel González. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-660-0)

Breve descrición do formato e contido da obra: Eu non fun! é un libro traducido do francés (C´est pas ma faute!) que consta de 40 páxinas; encadernado en cartoné e con ilustracións en cor realizadas coa técnica do colaxe a base de elementos reciclados, como aramio, tea e papel. É un libro que presenta unha estrutura encadeada onde atopamos unha irónica reflexión sobre a culpa, ademais de poder coñecer algúns dos animais da granxa. En canto á idade recomendada, é apropiado para os nenos e nenas de 3 anos en adiante. O argumento xira ao redor dunha muller que vai espertar a súa vaca e atopa unha araña, rífalle á vaca e esta deféndese botándolle a culpa a outro animal da granxa e así sucesivamente ata chegar ao mosquito. O texto asenta en diálogos, o que lle imprime un avance rápido a través das voces dos personaxes. Esta obra forma parte do Plan Nacional de Leitura (PNL Portugal) e foi traducido do francés ao galego, castelán e portugués.

Potencialidades: un dos principais atractivos desta obra é abordar aspectos relativos á súa temática: a natureza e os animais. Tamén se pode traballar a educación en valores para ensinarlle aos nenos e nenas que non se ten que mentir ou non se lle teñen que botar as culpas ás demais persoas para defendernos nós mesmos, senón asumir as nosas responsabilidades.

Recursos en liña: a continuación móstrase o enlace a un vídeo sobre unha adaptación do conto Eu non fun que se fixo no curso de Teatro de Sombras Chinescas no Verbum de Vigo.
Núñez, I. (2014). Eu non fun. [vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=I6kIvXUs_r0 (Acceso: 20 de febreiro de 2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario