martes, 6 de marzo de 2018

A cabra boba


Bruno, Pep (2006). A cabra boba. Ilust. Roger Olmos, trad. Antón Fortes. Pontevedra: OQO Editora, col O, [ 30 pp.]. (ISBN: 849657320-6).

Descrición breve do formato e contido da obra: álbum ilustrado encadernado en cartoné, cunhas dimensións de 25x23 cm. Na cuberta aparece o debuxo dunha cabra correndo cara ao interior do conto, o que nos convida a abrilo e descubrir a historia que se narra no seu interior; o título enriba da ilustración e os datos dos creadores e da editorial. Na contracuberta obsérvase ao lonxe unha ilustración da aldea, que se abrimos o libro completamente descubrimos que esta forma unha unidade coa cuberta e fai referencia á imaxe da cabra mentres foxe da aldea. Ao abrir o libro atopamos as gardas: nas primeiras vemos un debuxo da cabra balando cara a unha señora maior que apunta co brazo esquerdo ao ceo; nas últimas,  unha parella de anciáns está mirando cara ao  traseiro da cabra. Xa no interior, atopamos un texto dialogado, con letra en cor negra. Os debuxos, a dobre páxina, son caricaturescos e dinámicos, pois buscan o movemento. O fondo das páxinas é claro para evitar a saturación, mentres que as ilustracións están coloreadas con tons máis rechamantes para captar a atención. Acompañan o texto e dan información que nel non se menciona, estimulando así a imaxinación tanto de lectores coma de oíntes; como por exemplo o gato que acompaña o protagonista e o seu avó nalgunhas escenas. As imaxes mostran conceptos espaciais que guían o ritmo da narración, como o paso do día e a chegada da noite. O álbum conta a historia de Miguel, un cativo que perdeu a súa cabra e precisa axuda para poder atopala. Na súa procura axuda aos distintos personaxes cos que se encontra polo camiño, que como agradecemento lle dan unha recompensa: sal, flores e un libro de contos; obxectos que utilizará despois para recuperar o animal, que estaba subido no alto do tellado. A historia remata dun xeito inesperado e cómico que aporta a ilustración. É unha historia moi acaída para lles contar aos máis pequenos antes de ir durmir.

Potencialidades educativas: este álbum ilustrado conta con abundantes recursos: onomatopeas, diálogos entre os personaxes e repeticións, que favorecen a implicación e a rápida memorización da historia por parte dos nenos e nenas. Tamén cómpre destacar que o álbum se atopa dispoñible en sete idiomas: galego, castelán, catalán, inglés, francés, italiano e portugués, polo que é facilmente accesible en todo o territorio español e en países europeos. Entre os valores que transmite o conto podemos atopar o de salientar  a importancia de axudar aos demais, aínda que sexa con pequenos detalles.

Recursos en liña:

1 comentario:

  1. Ola Maite. Esta obra tamén pode ser empregada para falar da forma de vivir nas aldeas xa que en algunhas zonas de Galicia xa é un feito que algúns nenos e nenas descoñecen.
    A dramatización que escolliches é de boa calidade. Adxúntoche aquí a ligazón doutra dramatizacion da obra que, ao meu parecer, ten interese por mostrar outra forma de visualizar a historia (con boneos de plastilina) Ademais, débese empregar como un instrumento para falar da forma de vivir das aldeas e da importancia de coidar o medio que nos rodea.
    http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos/a-cabra-boba-ceip-marquesa-do-pazo-da-merce
    Un saúdo.

    ResponderEliminar