xoves, 15 de marzo de 2018

El pez arcoiris



Pfister, Marcus. (2013). El pez arcoirirs. Ilustr. do autor, Traduc. Paloma Blanco Aristín. Barcelona: Beascoa, Col. El pez Arcoiris. [a partir de 4 años], [32 pp.], (ISBN: 978-84-488-2191-3).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de 29x29 cm, encadernación de tapa dura e follas consistentes. Este tamaño e material permite un fácil manexo e manipulación da obra para os máis cativos/as. A cuberta simula o fondo dun océano e preséntanos, a través dun gran debuxo, ao protagonista. A contracuberta, de fondo branco, recolle tamén unha ilustración do peixe a menor escala (a mesma que aparece na portada) e unha sinopse da historia da obra. Ambas gardas, ao igual que ocorría na cuberta, volven simular o fondo oceánico e contan cunha pequena imaxe do protagonista no fondo dereito da páxina. A garda anterior, recolle o nome da persoa a quen o autor dedica o libro, mentres que a garda posterior revela unha breve biografía do autor.


Os textos son bastantes extensos e empregan unha linguaxe adaptada á competencia lingüística dos destinatarios. Os continuos diálogos ofrecen a oportunidade de teatralizar a historia e dramatizar esaxeradamente as emocións que viven os personaxes. Case sempre aparecen só nunha das páxinas, sendo as ilustracións a dobre páxina as que gozan de protagonismo As ilustracións semellan estar realizadas con acuarelas e recrean o fondo do océano. As cores predominantes son as azuis, violetas, verdes…, as cales transmiten ao lector unha sensación de calma e tranquilidade. Ademais, algunhas das escamas do peixe protagonista teñen un aspecto metálico e brillante que atrae notablemente a atención dos nenos/as. Así mesmo, están feitas dun material diferente ao do resto da páxina, polo que tamén permite xogar cás texturas.
A temática deste álbum ilustrado xira ao redor do valor de compartir e do ben que nos sentimos cando o facemos, así como da amizade. A historia  desenvolve a evolución do “Pez Arcoiris”, o cal comeza sendo un peixiño egoísta, altivo e solitario que só se preocupa por facer brillar as súas preciosas escamas, e remata converténdose nun peixe amigable e querido por todos porque aprende a compartir e gozar da vida en compañía.

A obra conta cunha estrutura tradicional: unha introdución, un nó e un desenlace. Comeza ca frase “érase unha vez...” e descríbesenos como era o protagonista, tanto física como persoalmente. A continuación prodúcese o conflito, diversas situacións nas que o seu protagonista se mostra egoísta e reticente a ter amigos. Por último, no desenlace, prodúcese un cambio na forma de ser do peixiño converténdose en alguén que aprendeu a compartir cos seus novos amigos.

Potencialidades educativas: Dende un punto de vista conceptual, este libro, permítennos traballar co mundo do océano. Antes de comezar a lelo, para producir motivación, poderíase preguntarlle aos pequenos/as que animais cren que viven no fondo do mar, de que color son, o seu tamaño... Durante a  lectura podemos teatralizar e dramatizar as emocións dos personaxes: o peixiño séntese triste porque ninguén quere xogar con el, cando lle din que debería compartir as escamas séntese furioso, cando ten amigos séntese feliz... Con isto logramos unha participación activa que favorece que os cativos/as estean motivados e atentos durante toda a lectura. Ao rematar, daranos pé a afondar moito máis sobre o tema da intelixencia emocional: cando se senten así, porqué, se lles gustan ou non eses sentimentos...

Ademais as escamas brillantes do peixe están feitas cun material diferente ao do resto das páxinas, polo que, ademais de chamar a atención dos cativos, nos permite  traballar co sentido do tacto.

Por último, ofrécenos a oportunidade de traballar o concepto de amizade, respecto, diversidade, aparencia física, aprender a compartir… Permite que transmitamos aos máis pequenos/as que para ter amigos non podemos ser egoístas e que a maioría das veces as cousas compartidas saben mellor. 

Recursos de interese:
Akasha. (2017). El pez aroiris. Marcus Pfister. Recuperado do Blogue Sabor a Tinta o 08-03-2018 de: http://saboratintaliteraria.blogspot.com.es/2017/09/el-pez-arcoiris-marcus-pfister.html Reseña do libro.

Cuentos Cuentos Anika Díaz. (2015). El Pez Arcoiris. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=Dr92P3eXvAM&t=8s Curtametraxe do conto.

El pez arcoiris. (2017). El pez arcoiris. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=YeKDKj8FoMQ&list=PLXH96R-AQYzg19AaS4VdJeVwP9cqcpG0t Lista de reprodución dunha mini-serie de seis capítulos basada no libro.

Esser, S. (2016). Cuento El pez arcoirira. 12 actividades y manualidades. Recuperado do Blogue Mundo de Rikkia o 08-03-2018 de: http://www.mundoderukkia.com/2016/10/pez-arcoiris-actividades-manualidades.html Manualidades e actividades para facer na aula sobre o libro.

Juega conmigo Toys. (2016). El cuento del Pez Arcoiris. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=2eNJnD9B4mw Vídeo no que se recolle a narración do conto.

Pfister, Marcus. (2016). Pinta con el pez arcoiris. Ilustr. do autor, Traduc. FENIX CAMALEÓN S.L.. Barcelona: Beascoa. Col. El pez arcoiris. [a partir de 3 años], [32 pp], ( ISBN: 978-84-019-0641-1). Libro de colorear.

RAKELINF. (2013). El pez arcoiris. de 6º A Infantil. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=hkBHaHvB4-c . Teatro de marionetas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario