Gort, Geertje (2002). E
leva os nenos que non comen, non. Ilust. Ceseli Josephus Jitta. Santiago de
Compostela: Editorial Luís Vives/ Tambre, [30 pp.]. (ISBN 84-263-4870-X).
Breve descrición do formato e contido da
obra: álbum ilustrado de tapa dura e formato de 1x25 cm que
conta con imaxes coloristas e de gran realismo, que é plasmado polo ilustrador
mediante o emprego de cera densa das ilustracións con cores vivas e o debuxo da
silueta do personaxe principal, así como outros elementos importantes para a
comprensión do texto, nos que o resalte de cor negra vai recreando atmosferas;
mundo dos soños contra realidade, que dotan de significado ao texto . Isto
suscita a atención do lector nada máis colla o libro nas mans, ao igual que o
fan a perspectiva e os planos que permiten o goce dunha visión frontal da
historia. Aínda que monolingüe en galego neste caso, esta obra foi traducida a
outros idiomas como o castelán, o éuscaro e o catalán.
Este texto narrativo, con elementos propios
da literatura popular, como a referencia á figura do “coco”, desenvolve unha
liña argumental na que o protagonista, Santi, se nega a probar outro tipo de
comida que non sexan os sandwiches ata que a súa tía lle conta que lles sucedía
aos nenos que comen pouco. Esta obra foi gañadora do importante premio VLAG en
Winpel no ano 2000.
Potencialidades: dáselle na actualidade o tratamento adecuado ao tema das emocións na
escola? Se lles fixésemos esta pregunta a moitos mestres e mestras de Educación
Infantil probablemente responderan que non tanto como lles gustaría pois, no
currículo actual, dáselle prioridade a outro tipo de competencias máis
relacionadas co ámbito cognitivo, deixando de lado un dos aspectos máis
importantes que conforman a personalidade humana, sobre todo se falamos de
nenos e nenas de 0 a 6 anos, cuxas emocións aínda son un tesouro por descubrir
e aprender a xestionar, especialmente se falamos de sentimentos considerados
“negativos” que quizais os cativos se senten avergoñados de sentir e por iso
non saben ou prefiren non expresar.
Este libro pode resultar un instrumento
aconsellable para ensinar aos nenos que sentir medo non é malo, non significa
ser covardes e tamén para mostrar ás familias que todos aqueles simbolismos ou
figuras populares como neste caso “o coco”, que quizais utilizamos sen ánimo de
atemorizar, acaban por causar ese efecto. Ademais, este álbum permite facer
unha lectura visual e tamén interpretativa, xa que as imaxes dan lugar a deixar
voar a imaxinación do lector ao igual que os fondos que lle dan profundidade ao
que se quere transmitir, neste caso a incertidume que provoca o medo.
Recursos de interese:
Vídeo de contacontos E leva aos nenos que non comen, non. CEIP RAMÓN
CABANILLAS. https://vimeo.com/222731044 (Consultado o 25/02/18)
Ningún comentario:
Publicar un comentario