domingo, 4 de marzo de 2018

A superheroína supersónica


Canals, M. (2014). A superheroína supersónica. ilust. Aguilar. Coruña: Baía Edicións, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-9995-133-1).

Breve descrición do formato e contido da obra: libro ilustrado de 16 x 22,5 cm, encadernación de cartolina con lapelas dobres. Formado por 32 páxinas con ilustracións a toda páxina e cuxa perspectiva predominante é a de primeiro plano. Na cuberta pódese observar a unha nena que aparentemente foxe dunha sombra e se dirixe ao interior do libro. O xénero literario desta obra é de tipo narrativo. Nela cóntase unha historia da vida cotiá: Ana era unha nena que xa levaba tres días soñando co monstro da noite. Sempre que se lle aparecía ía correndo á habitación dos seus pais e acababa durmindo a carón da súa nai. Ao terceiro día súa nai díxolle que pensara en alguén que fora moi forte. Tan forte que fora capaz de combater o monstro do sono. Ela díxolle que a heroína supersónica era capaz de voar porque tiña ás vermellas, que tiña moita forza nos puños e que sacaba luz polos ollos. Ao cuarto día Ana espertou emocionada á súa nai coa noticia de que a heroína supersónica combatera ao monstro; tamén lle dixo que cando a heroína a vira no soño, ela puido recoñecer a cara da súa nai. A historia remata vendo pechar a nai de Ana o armario onde había misteriosamente unhas ás vermellas.

Potencialidades educativas: recoñecer e saber expresar as emocións e sentimentos é moi importante para o desenvolvemento dos nenos e nenas durante a infancia, especialmente entre os dous anos e medio e os oito anos. Arredor dunha historia na que Ana ou o seu irmán, Xabier, pasan por algún tipo de aventura, recoñeceremos, aprenderemos e levaremos á práctica todo tipo de emocións e sentimentos.
Esta obra forma parte dunha colección de nove libros nos que se traballan as emocións e sentimentos, como por exemplo a dor que experimentamos ante a morte dun ser querido, a rabia cando nos enfadamos, a alegría se estamos contentos, a tristeza ante unha situación anómala, o medo á escuridade, a preocupación cando non podemos solucionar un problema, entre outras. Na parte final, cada libro presenta unhas actividades dirixidas ao lectorado máis novo para que aprenda a medir o conflito no que se atopa, e saiba entendelo e solucionalo.

Recursos:
· Ruiz, C. La Superheroína Supersónica. Enlace: https://www.youtube.com/watch?v=TjtM_xE0IEQ (Consultado 21/02/18)
· Sánchez, C. (2015) Club de lectura: La superheroína supersónica. Enlace: http://www.bienvenidamama.es/2015/07/la-superheroina-supersonica.html (Consultado 24/02/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario