xoves, 15 de marzo de 2018

Cores

 



Rubio, Antonio (2014). Cores. Ilust. Leo Lionni, trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka. [ 14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-845-1).

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado, de marcado carácter poético. Realizado en cartoné, con  tapas duras e bordes redondeados, ten unhas dimensións de 16x16 cm, tamaño moi acaído para o fácil manexo dos máis cativos. A escasa presenza textual permite que as imaxes adquiran toda a forza comunicativa. Ademais son  imaxes lexibles, que se articulan de igual modo que as palabras, coas súas sílabas contadas. Imaxes que se dispoñen á maneira dos versos; ordenadas, medidas, con ritmo e rima final. En Cores, os ratiños tínguense de azul, amarelo, verde, vermello ou gris, asociando esas transformacións a distintos elementos ou estados de ánimo. As cores asócianse coa contorna e coas súas emocións, reflectidas  nas expresións do rostro dos ratiños, que aparecen na maior parte dos casos contentos.



Potencialidades:
Con esta obra pódese traballar a poesía, os xogos de rima e conceptos moi sinxelos. Permite xogar co recoñecemento das diversas cores coas que aparecen caracterizados os protagonistas, que van mudando de aspecto en cada páxina. A obra tamén permite unha aproximación aos xogos coa linguaxe, na que xorden as comparacións e as metáforas; e á expresión artística, polos cromatismos e visualismo das imaxes, que promoven a empatía cos animais protagonistas. Outra posibilidade que ofrece a obra é o xogo cos números, ao apareceren dispostos de modo que se poden contar, sumar ou restar en cada dobre páxina.  

Recursos:
É de interese para os mediadores o seguinte libro e vídeos:
  • Rubio, Antonio (2014). Números. Ilust. Leo Lionni, trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, [ 14 pp.]. (ISBN:978-84-92608-78-2).


Ningún comentario:

Publicar un comentario