venres, 16 de marzo de 2018

As dúas casas de Alicia

https://lh4.googleusercontent.com/oT7VaaYE--ZNPPHdiErUbKL-3tVVqdkmw1oNLUeH8Qx1xQRDmqa_ml18vQ-fFfRFrLYFXChM3gpwLpWUengZy4eiTYuSbI75G0JSnrq4UDxNPOjASL18wPtqQxNecRSjkTAbKBdT



Vallat, Christelle (2013). As dúas casas de Alicia. Ilustr. Martina Peluso, trad. Marica Campo. A Coruña: Baía Edicións, [25 pp.]. (ISBN: 978-84- 9995-067- 9).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de carácter literario que nos narra unha historia da vida cotiá: a separación ou o divorcio. Está escrito en galego e ten un tamaño de 21x26 cm. As tapas do libro son duras, polo que está encadernado en cartoné. Na cuberta vemos a Alicia, a protagonista, suxeitando dúas casas, unha en cada man. Cabe destacar que esta ilustración e o título do libro están feitos dun material diferente que brilla e reflexa coa luz. Na contracuberta, o máis salientable é a imaxe dun corazón partido que está pendurado dun fío, simbolizando a fotografía que está rota á metade e que Alicia coloca nas súas habitacións. En canto ao corpo do texto, sempre vai acompañado das ilustracións e hai algunhas frases que se atopan en negriña. No tocante ao contido, nárrase a historia dunha nena, Alicia, que vive a separación ou o divorcio dos seus pais.
Eles explicáronlle que xa non se querían e Alicia púxose triste. Pola noite, atopou unha foto de seus pais rota pola metade e colleuna e arranxouna porque pensaba que ese era o motivo polo que non se querían. Alicia botaba de menos ao seu pai e quería que volvera á casa pero el non volveu ata unha mañá. Viñera para recoller a Alicia e pasar a fin de semana xuntos. O seu pai amosoulle a nova casa que ía ter e explicoulle que tería dúas casas: unha na que vive coa súa nai e outra na que vive co seu pai e nas dúas casas ía ter as mesmas cousas. Alicia estaba feliz nas dúas casas pero botaba de menos á súa nai cando estaba na casa do pai e viceversa, polo que Alicia colocou a metade da fotografía da súa nai na casa do pai, e na casa da súa nai, o anaco da imaxe na que sae o pai. Así Alicia estaba feliz porque os tiña aos dous sempre con ela en ambas as casas.

Potencialidades educativas: serve para que os nenos/as saiban encaixar mellor a separación ou o divorcio dos seus pais e que entendan que aínda que non estean vivindo xuntos na mesma casa que eles os queren moitísimo. Ademais, con este libro comprenderán mellor que para estar tempo cos dous teñen que vivir en dúas casas e que para non botar de menos ao pai ou á nai, poden facer como Alicia, poñer unha foto deles en cada casa e así sempre estarán acompañados polos seus pais e serán igual de felices ca antes de que se separasen. A obra é unha boa ferramenta para traballar a afectividade, os estados de ánimo e as emocións que se viven ante conflitos, neste caso o divorcio, nos que os máis novos non poden xestionar as situacións, senón asimilalas e encaixar a nova realidade. O feito de traballar o coñecemento de experiencias ficcionais coas que se poidan identificar cos protagonistas, como Alicia, e coas situacións que viven axudaralles a comprender mellor as súas propias circunstancias e a se enfrontaren con máis información e recursos a estas situacións, dado que a literatura ten a capacidade de proporcionarnos imaxes coas que sentirnos identificados e nas que proxectar os nosos propios medos e angustias.

Recursos de interese:
Contacontos realizado por nenos: Biblioteca (2014). “As dúas casas de Alicia” en Biblioleroucho http://bibliotecameicende.blogspot.com.es/2014/05/as-duas-casas-de-alicia.html  (consultado o 07/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario