venres, 16 de marzo de 2018

Amigos




Foreman, Michael (2012). Amigos. Ilust. do autor, trad. Rafa Salgueiro, Madrid: Lata de Sal, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-940584-4-8).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións 24 x 28 cm. Na cuberta podemos observar o título da obra resaltado en laranxa, que é o de Burbulla, un peixe e protagonista da obra. O fondo é branco. Debaixo aparecen os dous protagonistas da historia, un gato e un peixe. Na imaxe semella que o gato está mirando para Burbulla a través do vidro da súa peceira. O nariz do gato ten forma de corazón, apelando así á afectividade. Na contracuberta explícase que este conto está baseado nunha historia real de amizade e podemos ver ao gato portando un caldeiro cheo de auga no que vai Burbulla somerxido fronte a un mar cheo de peixes.
No interior as imaxes son a dobre páxina e a técnica utilizada é a acuarela, perfilando as siluetas con lapis negro. Estas están moi coidadas, cheas de pequenos detalles que axudan a coñecer o estado de ánimo dos personaxes. As cores son vivas, mantendo presente en todas as páxinas a cor azul, que recorda o mar, mesmo semella que o gato protagonista ten matices azuis na súa pelaxe. O texto é sinxelo, polo que o libro podería ser empregado con nenos/as pequenos/as. Nunha das escenas finais, cando visitan un museo, podemos apreciar como aparecen caracterizadas con aspecto de gato obras coñecidas mundialmente como La Gioconda de Leonardo da Vinci. Esta obra trata sobre unha verdadeira historia de amizade entre un gato e un peixe. O gato, aínda que quere moito a Burbulla, cre que este sería máis feliz se estivese libre no mar e puidese ter moitos amigos, aínda que Burbulla prefire quedar con el, o seu verdadeiro amigo.

Potencialidades educativas: esta obra é moi adecuada para traballar o valor da amizade en Educación Infantil e ensinarlles aos máis pequenos que, ás veces, os sacrificios que se fan polos amigos pagan a pena. Tamén ensina que debemos coñecer ás persoas interiormente e non deixarnos levar por prexuízos, xa que os nosos protagonistas tradicionalmente están ligados ás figuras de cazador e presa, porén neste libro móstrasenos como pese a isto son os mellores amigos. Ademais, o aspecto do álbum resulta moi atractivo e os protagonistas son animais que todos os nenos coñecen e cos que poden crear empatía. Tamén pode servir para iniciar aos máis pequenos no concepto da liberdade. A estes valores hai que engadir o coñecemento dalgúns animais e dalgunhas obras de arte de referencia mundial, polo que contribúe a iniciar aos máis novos no coñecemento de produtos culturais e artísticos.

Recursos de interese:
-               Cuentos para crecer (2017). Lectura do conto. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=qqjFIoKmkZk (consultado el 10/03/2018).
-               Cuentos para crecer (2014). Preparación del libro para la lectura dialógica. http://cuentosparacrecer.org/blog/video-ejemplo-preparar-un-libro-para-lectura-dialogica/ (consultado el 10/03/2018).


Ningún comentario:

Publicar un comentario