xoves, 1 de marzo de 2018

A Galiña Roxa



Martínez, Pilar (Adapt.) (2012). A Galiña Roxa. Ilust. Marco Somá. Pontevedra: Kalandraka, col. Os contos do trasno, [29 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-809-3).


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma cadrada de 22x22 cm en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura con encadernación de cartoné. Na cuberta aparece o título en letras maiúsculas e vermellas. Debaixo do título aparece a Galiña Roxa, protagonista da nosa historia, subida á súa bicicleta portando un cesto no que transporta trigo, o que nos adianta parte da historia. Ademais, a Galiña Roxa preséntase mirando cara ao interior do libro, o que nos invita a somerxernos na lectura. Nas primeiras gardas móstrase na esquerda un arbusto representando o rural e na dereita unha galiña. Na folla de créditos volve aparecer un arbusto con sementes debaixo e, na portada, o título do conto, a adaptación e uns pitiños transportando sementes cara a dentro das páxinas, o que dá continuidade entre a folla de créditos e a portada. Nas últimas gardas aparecen os tres pitiños á esquerda e na dereita, o mesmo arbusto que na folla de créditos.
Respecto ás ilustracións, estas son de carácter figurativo, representan algúns animais de forma humanizada na vida cotiá no campo e empregan tons marróns e alaranxados. En todas as páxinas pódese observar a presenza duns pitiños que, sen mención algunha no texto, axudan á Galiña Roxa durante todo o proceso de elaboración do pan.
A Galiña Roxa é unha adaptación a partir dun conto popular na que os protagonistas se sitúan nunha granxa. Os compañeiros da Galiña Roxa non quixeron axudala no proceso de elaboración do pan, polo que a esta non lle quedou máis remedio que non compartir o traballo do seu esforzo cos que non lle prestaron axuda. A lectura está acompañada dun narrador e das voces en forma de diálogo dos diferentes animais. É unha historia lineal, caracterizada pola repetición, na que a galiña aborda un problema que ten que solucionar soa. Ademais, está acompasado dun retrouso verbalizado pola galiña: “está ben, fareino eu soa”. Hai unha secuencia temporal correspondente a un ano, onde se poden visualizar as diferentes estacións.
No que respecta á lingua, o campo semántico está adaptado aos lectores potenciais, facendo referencia a animais (galiña, pato, gato e can), diferentes formas de presentación do trigo (grans, espigas, etc.) e lugares rurais (granxa, campo, muíño) o que pode dar xogo para que o alumnado coñeza elementos do campo que non están ao seu alcance debido ao asentamento masivo en núcleos urbános. Aparecen ademais, campos semánticos antitéticos (esforzo/nugalla; traballo ben feito/ impaciencia; solidariedade/ insolidariedade.) En canto ás posibilidades formativas, encóntranse a exaltación do rural, potenciación do traballo e o esforzo e da solidariedade e axuda aos demais.


Potencialidades educativas: este álbum ilustrado permite, ao final da lectura, a reflexión sobre os valores da solidariedade e o traballo en equipo para o ben común a partir dos contravalores que aparecen no conto. Axuda a familiarizarse co proceso de elaboración do pan e a actividade agrícola dende a sementeira do trigo ata a súa recollida, favorecendo a familiarización cos elementos da natureza, ademais dos diferentes instrumentos agrícolas. Todos os datos anteriores son a maiores da lectura que se pode complementar coas ilustracións.
Por outro lado, é un conto traducido a diferentes linguas como o  castelán, portugués, inglés e italiano. Nos idiomas aos que foi  traducido recibiu diferentes premios e mencións no continente europeo:
  • PLAN NACIONAL DE LECTURA (PNL Portugal)
  • BIENAL DE BRATISLAVA 2013
  • FINALISTA PREMIO “CRESCERE CON I LIBRI” (Italia) 2014
  • PROGRAMA NATI PER LEGGERE (Italia) 2015

Recursos de interese:

  • Unha manualidade da galiña máis o conto con monicreques:

Ceip Coiron Dena (21/06/2013). A galiña roxa.

  • Representación do conto con monicreques:
Danilo Conti (07/07/2016): La galinella rossa.
https://www.youtube.com/watch?v=c0v6pzxhHEg (Consultado o 26/02/2018)

  • Contaconto en italino:
Frianciño (2013). “A galiña roxa”. En O lar de Frianciño https://olardefriancinho.blogspot.com.es/2013/05/a-galina-roxa.html (Consultado o 26/02/2018)

  • Canción sobre o conto:
Pirracasaspatacas (25/05/2013). A galiña roxa. https://www.youtube.com/watch?time_continue=26&v=uw4G5iOoCGI  (Consultado o 26/02/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario