martes, 6 de marzo de 2018

A Curuxa






Sálvora (1996),Curuxa. Santiago de Compostela, col.Animales fantásticos, 10 pp, (ISBN: 84-88724-34-9).

Breve descrición do formato e do contido: é un álbum ilustrado con encadernación en cartoné, que está formado por 10 páxinas de tapas duras dun tamaño de 28x24 cm e troquelado para simular a silueta do paxaro protagonista: a curuxa. Tanto na cuberta como na contracuberta aparece debuxada a curuxa. Por dentro a medida que se conta a historia aparecen debuxos relacionados co que se vai narrando. É un libro que ten unha letra grande e fácil de ler, utiliza diálogos entre os diferentes personaxes que van aparecendo ao longo da historia e os debuxos están cheos de cores vivas e rechamantes para os nenos e nenas.
O libro conta a historia dunha curuxa que vive nunha palleira e que unha noite (como todas as curuxas) sae cazar a súa presa. Atopa un rato e cómeo, pero unha donicela que a estaba a observar enfádase por considerar  que ela tiña dereito a  comelo primeiro. Logo van xuntas cazar ras pero atopan un osiño que chora porque se perdeu; este quere comer arandos, polo que  a Curuxa vai en busca deste froito e  pregúntalle a un ourizo se sabe onde se atopan. O ourizo guíaa e no lugar que lle indica atopa a mamá oso e papá oso, polo que pode levar ao  osiño onda eles. Por último faise de día e a curuxa volve á palleira.

Potencialidades: con este libro pódese traballar a solidariedade, axudar e repartir con outros o que un ten. Ademais trabállanse temas tales como a amizade, a empatía, o traballo cooperativo. Tamén serve para ensinarlles ao alumnado os hábitos alimentarios dos animais, a tipoloxía do alimento, a súa rutina de sono entre outros aspectos da vida animal. Describe animais pouco coñecidos como son a curuxa e a donicela.

Recursos de interese:
A galicia encantada (actualizado en data 4/03/2018): Enciclopedia de fantasía popular de Galicia. (Consultado 05/03/2018)





Ningún comentario:

Publicar un comentario