martes, 27 de febreiro de 2018

Un agasallo diferente






Azcona, Marta (2014). Un agasallo diferente. Ilust. Rosa Osuna, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [34pp]. (ISBN: 978-84-8464-527-6).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de textos moi sinxelos e de fácil comprensión pola suxestivas ilustracións en tons grises e azuis. Ten as tapas de cartón, de tamaño 22cm x 22cm e na cuberta, ademais do nome da autora e a ilustradora, aparecen os dous protagonistas da historia. Ao longo das páxinas interiores aparecen outros personaxes, concretamente un can e un mono, que os acompaña e vixía, respectivamente, pero dos que non se ofrece información no texto, aínda que a súa intervención é trascendente para o final da historia. O conto comeza co agasallo de aniversario que Tristán lle da ao seu amigo Marcel, un anaco de tea de cadros brancos e azuis. Aínda que ao principio Marcel non está moi contento porque o que el en realidade quería era unha buxaina, descubrimos que esa tea ten máis utilidade da que pensaban: pode ser un mantel para facer un pícnic, pode abrigar os oídos cando vai frío...



Potencialidades educativas: con esta obra pode traballarse a amizade e o valor que teñen as pequenas cousas da vida cotiá. Tamén podemos relacionalo coa imaxinación dos personaxes, pois é a que lles move durante toda a historia nos pequenos infortunios que lles ocorren. Cobra importancia tamén a reutilización de materiais, xa que a tea a empregan para diferentes cousas e en diferentes situacións. Hai partes deste conto que teñen certa musicalidade, pois o narrador/a emprega a frase “e como non querían…” cada vez que os protagonistas utilizan a tela para algo distinto. Podería facerse un obradoiro con refugallo para ensinarlles aos pequenos e pequenas a facer novos xoguetes ou un comentario na clase para ver que farían eles e elas co anaco de tea do conto. Tamén sería interesante falar dos personaxes que aparecen na historia pero que non participan, quen serán?, por que os observan?, que fará él co anaco de tela?.




Recursos de interese:




CEIP Plurilingüe de Covas. A historia contada por nenos e nenas de 4 anos. http://covastk.blogspot.com.es/2017/06/os-nenos-e-nenas-de-4-anos-contannos-un.html (consultado o 21/02/2018).


González Seoane, Lucía (2017). “Un agasallo diferente”. Primeiraslecturas  en https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/04/un-agasallo-diferente.html (consultado o 21/02/2018). (consultado o 21/02/2018).



1 comentario:

  1. O meu grupo e mais eu (Iria, Laura, Antía, Lara, Ilenia e Uxía) queremos dar a coñecer a nosa opinión sobre este libro. Fixamonos neste conto polo feito de haber traballado fai poucos días con él. Consideramos que están moi ben expostas as potencialidades xa que é un conto co que se poden traballar múltiples e variados temas en educación infantil, como a propia autora da entrada reflexa, tratando temas que aparecen de modo secundario como é a reciclaxe ou temas principais como pode ser o valor de pequenas cousas ou mesmo a amizade. Damos importancia ao comentario onde a autora da publicación se fixa na aparición de personaxes secundarios que non interfiren na historia, xa que á hora de resumir o conto non se fixa un nese pequeno detalle. Consideramos que é un bo comentario e que soubo aproveitar a búsqueda de potencialidades do conto.

    ResponderEliminar