martes, 27 de febreiro de 2018

Con Tango son tres


Richardson, Justin e Parnell, Peter (2016) Con Tango son tres. Ilustr. Henry Cole. Trad. Sandra Senra Gómez y Óscar Senra Gómez. Pontevedra: Kalandraka, [28 pp.] (ISBN:978-84-8464-984-7)


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado, de forma rectangular (22x27cm). A cuberta e a contracuberta son de tapa dura. Na cuberta aparece a imaxe de Roi e Silo co seu fillo Tango, os protagonistas do conto e na contracuberta aparecen o resto de pingüíns do zoo de Nova York, lugar onde se sitúa a historia. O título aparece na marxe superior dereita da cuberta, o nome da editorial na marxe inferior esquerda e a autoría do texto e das ilustracións na marxe inferior dereita. As páxinas do álbum presentan breves textos e unhas expresivas ilustracións que ademais dunha función descritiva da historia narrada, tamén amplían información. Son imaxes realistas e algunhas composicións aparecen a modo de viñetas para representar paso a paso algunhas situacións que se describen ou mesmo o transcurso temporal do tempo. Predominan as cores frías (tons azuis, brancos e negros) a excepción das primeiras páxinas nas que se describe o zoo nas últimas, co ceo dunha cor alaranxada A historia está contada en terceira persoa por un narrador externo. Ao final da historia hai unha nota dos autores nas que se explica que os feitos que narra o conto son reais. En canto ao contido da obra, preséntasenos a historia de dous pingüíns machos do zoo de Nova York (Roy e Silo) que están namorados e queren formar unha familia como o resto de pingüíns do zoo. Coma calquera parella destas aves tentan incubar unha pedra, coma se fose un ovo, e só a intervención de Gramzy, un coidador do zoo que observou aos dous animaliños, lles permite contar cun ovo que foi abandonado por outra parella para incubalo. Roy e Silo coidaron o oviño ata que naceu a súa ansiada cría: Tango.

Potencialidades educativas: Esta obra ofrece a oportunidade de explicarlles aos nenos de forma sinxela e natural que existen diferentes tipos e formas nas que se pode presentar o amor, que existen diferentes familias, como as homoparentais. Desta forma podemos fomentar os valores de respecto, tolerancia e empatía dende os primeiros anos cara á diversidade familiar. Así mesmo podemos traballar a importancia da familia e do cariño que esta profesa sexan quen sexan os seus integrantes (monoparentais, homoparentais, pais divorciados; etc.).Coa lectura de contos coma este demóstrase que o amor dunha familia trascende os condicionamentos sociais.

Recursos de interese:
R. María (2017). "Tres con Tango", Primeiraslecturas, en: https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/03/tres-con-tango.html (consultado o 21/01/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario