mércores, 28 de febreiro de 2018

Con Tango son tres



Richardson, Justin e Parnell, Peter (2016). Con Tango son tres. Ilust. Henry Cole. Trad. Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez. Pontevedra: Kalandraka, col.Tras os montes, [28pp.]. (ISBN: 978-84-8464-985-4). 

Descrición do formato e contido da obra: conto ilustrado, encadernado con tapa dura, de forma rectangular con cantos rectos e con láminas grosas.
Na cuberta aparecen dous pingüíns maila 
súa cría, o título do libro aparece arriba á dereita formando parte do ceo e, tipograficamente, a palabra Tango destaca sobre o resto, xa que é de maior tamaño. O nome dos autores e o do ilustrador aparecen abaixo á dereita, mentres o da editorial aparece no lado esquerdo, integrado no hábitat dos pingüíns.
Na contracuberta hai unha breve descrición dos autores e do ilustrador da obra e de fondo pingüíns.
O conto ten 28 páxinas nas que o texto e os signos sempre aparecen na parte esquerda e as ilustracións ocupan todas as páxinas. As imaxes son atractivas e divertidas e captan a atención. 
As ilustracións presentan cores vivas nas primeiras páxinas, nas que explica a ambientación e o lugar onde acontece esta historia. Nas páxinas onde vemos o lugar onde viven os pingüíns, predominan as cores grises, azuladas e brancas.  Algunhas imaxes presentan unha forma ovalada, que esvaece no seu contorno e recorda a imaxe dun ovo. As ilustracións son fieis á realidade.
No que respecta ao texto, é moi sinxelo, con frases curtas e un claro predominio da imaxe sobre este. Presenta onomatopeas, como a que avisa a rotura do ovo.  
Esta historia está baseada nun feito real ocorrido no zoo de Central Park, en Nova York. Os protagonistas do conto son Roi e Silo, dous pingüíns machos aos que Rob Gramzay, o coidador do zoo, descobre  como parella. Despois de observalos como intentaban incubar unha pedra decide darlles a oportunidade de crear unha familia. Para iso, colleu un ovo doutra parella, que nunca fora capaz de ocuparse de dous ou máis ovos, e colocouno no niño baleiro que construíran Roi e Silo. Así é como nace Tango, nome co que foi bautizada a cría e que fai referencia ao baile, xa que se precisan de dous para bailar un tango.
Esta obra foi moi criticada e incluso censurada por abordar unha temática como é a homosexualidade.
Ademais, na garda final do libro preséntase unha nota na que se explica que a historia ocorreu de verdade.

Potencialidades. Con este conto pódese traballar o coñecemento do medio, en especial os  pingüíns dun zoo. É unha historia que trata o amor, o coidado e a tolerancia e a aceptación das diferenzas a partir dunha parella peculiar. Ademais de ser sinxelo e claro pódenos servir para explicar ás crianzas conceptos como a adopción ou a diversidade familiar. 
Con esta historia tamén aprenden novo vocabulario como incubación e pode aproveitarse para ensinarlle os distintos lugares onde viven os animais. Podemos tamén preguntarlles como coidan eles a súa familia e ensinarlle a importancia desta, ademais da diversidade de familias que hai, o respecto e a tolerancia.

Recursos didácticos de interese e estudos sobre a obra:
Costa, M (15 de setembro do 2009). Libros para niños e ideas para su utilización. Recuperado de http://librosparaninosyninas.blogspot.com.es/2009/09/tres-con-tango.html (consultado o 24/02/2018).

Mora, J (2015).Tres con Tango [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=R0xnuDjjCao (consultado o 24/02/2018).


Ningún comentario:

Publicar un comentario